O BNG pon como reto "liderar" o futuro Goberno galego

Compostela acolleu a reunión interparlamentaria nacionalista
interparlamentar bng
photo_camera Pontón presidiu a reunión interparlamentaria do BNG (Foto: Nós Diario)

Reforzar o status da Galiza como nación e "liderar" o "futuro" Goberno galego que saia das urnas en 2024 son os dous retos que o BNG marcou onte na xuntanza interparlamentaria realizada esta terza feira en Compostela e que reuniu a representación institucional do BNG nas cámaras lexislativas, —Parlamento galego, Congreso, Senado e Eurocámara—.

Unha cita para definir a estratexia política nun momento no que está sobre a mesa o debate do modelo territorial do Estado e o cambio político en Galiza. A portavoz nacional, Ana Pontón, concretou os dous grandes eixos de traballo dun período que se abre co inicio deste curso político: “A defensa dos intereses de Galiza por riba de todo e en todos os parlamentos e o desenvolvemento dunha ampla e intensa axenda política e social polo cambio na Galiza, a axenda galega do cambio”.

Nun contexto no que está pendente a conformación do novo Goberno do Estado, Pontón su-bliñou a disposición ao diálogo do BNG mais cunha condición: “Coa Galiza, todo; sen a Galiza, nada”.

"Escudo social galego"

A líder da oposición manifestou que "o meu obxectivo e o do BNG non é quitar o PP da Xunta sen máis: Quero ser a presidenta de Galiza para poñer en marcha o mellor Goberno galego da nosa historia".

Pontón reiterou a "incapacidade" do PP para defender a Galiza e afrontar os problemas que afectan o día a día dos galegos e galegas. 

Fronte a iso, anunciou que a formación nacionalista vai propor "un plan de medidas urxentes para protexer as maiorías sociais" e avanzou que proximamente presentará no Parlamento da Galiza un amplo paquete de medidas para un "escudo social galego" centrado en catro ámbitos:  socio-económico, sanitario, das garantías de protección social e igualdade de xénero.

Comentarios