A Xunta evita apoiar a taxa turística para Compostela

A iniciativa para a implantación dunha taxa turística en Compostela chegou esta cuarta feira ao Parlamento da Galiza. Mentres o promotor da mesma, o deputado nacionalista Daniel Pérez, defendeu as vantaxes da taxa, o director xeral de Turismo da Xunta da Galiza, Xosé Manuel Merelles, apostou polo silencio no debate dentro dunha ambigüidade calculada.
O director xeral de Turismo, Xosé Manuel Merelles, e o deputado Daniel Pérez, esta cuarta feira, na Cámara. (Fotos: Parlamento)
photo_camera O director xeral de Turismo, Xosé Manuel Merelles, e o deputado Daniel Pérez, esta cuarta feira, na Cámara. (Fotos: Parlamento)

O director xeral de Turismo tentou evitar as preguntas do deputado nacionalista Daniel Pérez sobre a proposta de taxa turística. Neste sentido, o responsábel da Administración turística galega limitouse a sinalar que “a Xunta da Galiza recibiu un informe e un anteproxecto de lei do Goberno de Compostela para aplicar na cidade unha taxa turística, que nos comprometemos a estudar e da que en breve haberá unha opinión”.

Xosé Manuel Merelles afirmou que “a taxa turística require dun estudo profundo e dunha boa valoración da proposta, analizando as características concretas do territorio onde se pretede implantar e, sobre todo, dialogando e consultando cos diversos sectores da sociedade afectados”. A este respecto, evitou comprometerse cunha proposta deste tipo e deixou máis dúbidas que certezas sobre a iniciativa formulada desde o Goberno municipal de Compostela.

As explicacións de Merelles non convenceron Daniel Pérez, que demandou unha mudanza no modelo turístico. Nesta liña, o parlamentario do BNG argumentou os aspectos positivos dun “tributo sobre as estancias turísticas, no que o suxeito pasivo é o visitante, e lexitimado polos maiores custos de prestación de determinados servizos, entre eles a limpeza dos espazos públicos ou do saneamento, como consecuencia do importante aumento da poboación”.

Pérez apuntou que “esta figura fiscal tamén perseguiría outros obxectivos, como a promoción da sustentabilidade turística, a desestacionalización, a profesionalización do sector,  a mellora da formación e a calidade do emprego”. Nesta dirección, incidiu que se trata “dunha figura tributaria con perfís extrafiscais, cunha gran potencialidade recadatoria, mais cunha finalidade, entre outras, de promoción do turismo sostíbel”.

O parlamentario nacionalista asegurou que “a taxa turística non tería unha vertente disuasoria, ao non afectar polo seu custo a elasticidade da demanda”. Neste sentido, amosouse convencido de que “sería percibida polos visitantes como unha contribución modesta dirixida a actividades rexenerativas e de mellora e no que atinxe aos residentes dos núcleos de poboación con presión turística, esta figura xogaría en favor da cohesión e aceptación social do turismo”.

Rueda e Sanmartín

O vindeiro 2 de outubro a alcaldesa de Compostela, a nacionalista Goretti Sanmartín, e o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, reuniranse para analizar a proposta da taxa turística. Malia que é de agardar para esa data unha resposta do Goberno galego sobre o fondo da alternativa impulsada desde o Concello compostelán, todo apunta á falta de vontade do Executivo de Rueda para avanzar nesa iniciativa, aplicada con éxito en moitas cidades europeas, como Barcelona, Lisboa ou Roma.

Comentarios