Ana Miranda: "Non se pode permitir que se primen os beneficios das eólicas sobre o noso sector pesqueiro"

A deputada do BNG no Parlamento europeo, Ana Miranda, organizou esta cuarta feira unha conferencia acerca do impacto da eólica mariña na pesca que contou coa presenza dunha delegación galega. ‘Nós Diario’ conversou con Miranda para tratar esta conferencia, así como a 'Iniciativa Xarabrín' aprobada pola Eurocámara este mes de maio.

Ana Miranda, do grupo parlamentario dos Verdes / Alianza Libre Europea. (Foto: OV/ALE)
photo_camera Ana Miranda, do grupo parlamentario dos Verdes / Alianza Libre Europea. (Foto: OV/ALE)

—Esta cuarta feira tivo lugar unha conferencia no Parlamento Europeo sobre o impacto da eólica mariña no sector pesqueiro organizada por vostede. Como decorreu?
A conferencia foi interesante e foi moi importante porque puidemos coñecer as testemuñas de persoas das zonas máis afectadas polos proxectos de instalación de eólica mariña como a Guarda, Cedeira ou Cangas.

O que fixemos principalmente na conferencia foi pór en común co resto de persoas afectadas do sector pesqueiro en Europa as preocupacións que xorden por causa destes proxectos de eólica mariña.

—Considera que o resto da nacións europeas son conscientes do impacto que a eólica mariña pode ter sobre a pesca?
Creo que hai un recoñecemento moi grande por parte da maior parte de países de Europa da afectación que a eólica mariña pode ter na pesca. Sabemos que, ao igual que Galiza, están preocupados países como Irlanda, Portugal, Suecia ou mesmo xente dos Países Baixos que mostraron a súa preocupación.

O problema radica en que se pretenden instalar eólicos en zonas que afectarían a actividade de sectores como o da pesca sen ter en conta os propios sectores afectados. Ademais xa sabemos que isto tería un impacto medioambiental e paisaxístico moi importante así como un impacto en terra tamén.

Tómanse decisións sen consensuar coas persoas afectadas e sen consultarlles nada en ningún momento e agora vemos as consecuencias disto. Creo que é un erro que se predomine a soberanía enerxética por encima do dereito á alimentación. Non podemos permitir que se primen os beneficios dos lobbys enerxéticos antes de sectores como a pesca. Ademais, a instalación de parques de eólica mariña non deixarían beneficios nos lugares onde serían instaladas.

—Saben na Eurocámara da importancia do sector pesqueiro para a Galiza?
Si, son conscientes, o que pasa é que son inconscientes á hora de tomar decisións. Saben que Galiza é unha potencia pesqueira en Europa pero á hora de tomar decisións como estas prexudican a pesca.

Na planificación dos parques de eólica mariña na Galiza hai un problema engadido e é que se situarían máis perto da costa que noutras zonas de Europa e isto tería unha afectación directa moi importante nas vidas de moita xente de costa.

Estamos nun momento en que as importacións de peixe aumentan. No caso de Portugal chegan a 70% e no caso galego practicamente o mesmo e ante esta situación pretendemos limitar o noso sector pesqueiro aínda máis? Estase acabando coa nosa pesca coa complicidade do Estado e coa Xunta de perfil.

—Noutra orde de cuestións. A principios de maio a Eurocámara mostrouse favorábel á Inicitiva Xabarín que solicita a presenza do galego no sector audiovisual. Unha noticia positiva, mais canto queda por facer?
Si, este informe recibiu un apoio case unánime da Eurocámara. O galego, como lingua propia da Galiza, debe ter os mesmos dereitos que outras linguas tamén no audiovisual e a maioría da Eurocámara votou a favor de que haxa accesibilidade no audiovisual, xa sexa en dobraxe, subtitulado ou demais, en todas as linguas da Unión Europea.

Instouse así a que o Estado español cumpra esta directiva europea para así corrixir a discriminación do galego.

Comentarios