luns 28/09/20

Jácome acusa PP de querer dar "un golpe de estado" en Ourense

O rexedor da cidade pronunciouse ao respecto da decisión do grupo municipal do Partido Popular de "suspender temporalmente" o pacto de Goberno. A medida tomada onte, na mesma xornada na que Gonzalo Pérez Jácome retirou as competencias a parte do seu equipo, é vista como "unha das traizóns máis épicas da política municipal".
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, na rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, na rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá), pronunciouse hoxe sobre a situación política da cidade, que onte acabou por rachar. Após que o Partido Popular, con Jesús Vázquez á cabeza, anunciara a ruptura do pacto de Goberno falando de "suspensión temporal", o rexedor afirmou que isto é un intento de "golpe de estado".
 
Desde o seu punto de vista, os populares tiveron que "comprar" a Miguel Caride, o que era o seu número dous e agora líder dos concelleiros críticos co rexedor. Porén, foi el o que comunicou a retirada de todas as competencias como voceiro municipal e concelleiro de Infraestruturas a Caride.
 
Despois do sucedido, este último augurou na terza feira pouco futuro a Democracia Ourensá como tal.
 
O alcalde agardou até hoxe para falar tras semanas de acusacións por unha presunta irregularidade na xestión dos fondos públicos da partido. Ante os medios afirmou que é "unha das traizóns máis épicas da política municipal". "Baltar traizooume, pero eu a el non, son un tío leal", insistiu.

Desto tamén fixo responsábel ao presidente da Deputación, Manuel Baltar, e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, aos que acusa de estar detrás de todo. "Esperouse a que pasasen as eleccións" para, di, non poñerlles "en risco".

O rexedor apuntou que comezou a desconfiar cando, recentemente, nunha cea entre Caride e outra persoa de DO, Baltar e Jorge Pumar -o ata o martes tenente de alcalde polo PP- comentáronlle que o ían a "deter" e que por iso debía dimitir inmediatamente.

"Entón están na mesma trama", remarcou. "Cando ceso aos dous concelleiros, os do PP cesan", polo que "estaba todo secuenciado, estaban todos en auténtica coordinación", especulou.

Risco para a Deputación

Pérez Jácome avisou a Baltar de que se lle "traizoa o PP no Concello", el "non" vai apoiar " na Deputación" o seu pacto cos populares, polo que a institución provincial "automaticamente quedaría en minoría".

A resolución dunha parte do conflicto chegará co pleno para a aprobación dos orzamentos na Deputación, que decorrerá este mes, onde se comprobará se o propio Caride vota en contra da folla de ruta económica ou se coloca ao lado de Baltar. Se tomase esta última opción, explicou o rexedor, é que todo o relacionado coa "trama" é "certo": "Se podemos 'chimpalo' (ao alcalde), ben, se non, que se foda Ourense", puxo en boca do PP.

Ante esta crise deixou a porta aberta para darlle, se fose preciso, o goberno da Deputación ao PSOE: "Se non hai pacto co PP no Concello, a nosa primeira opción sempre foi o PSOE, iso está claro".

Sobre as contas de Democracia Ourensá após de que o acusaran de movementos irregulares cos fondos, negouse a mostrar documentos porque "non hai ningún partido que ensine os seus extractos bancarios, pola Lei de Protección de Datos e porque ninguén desvela os seus provedores e os seus custos". Iso si, se hai que presentalos ante a Xustiza confirmou que dispón deles.

comentarios