A maioría do grupo socialista maniféstase contra o seu portavoz

A crise do Goberno ourensán chegou para ficar

A situación política na cidade de Ourense complícase máis a cada instante que transcorre. Os sinais de ruptura en Democracia Ourensá son visíbeis e tamén aparecen distintas posturas dentro do grupo do PSOE local. Mentres, o PP e o seu líder José Manuel Baltar gardan silencio.
mario gonzález ourense
photo_camera Mario González González, anunciando a súa dimisión como concelleiro (Foto: Europa Press)

A situación no Executivo local de Ourense non se clarifica. Mentres os sinais de descomposición de Democracia Ourensá (DO) son evidentes e as diverxencias aboian no grupo municipal socialista, as olladas diríxense ao Partido Popular e a José Manuel Baltar, que garda un calculado silencio. Porén, Gonzalo Pérez Jácome amósase disposto a resistir o envite e manifesta a súa confianza en rematar como alcalde a lexislatura.

A endiañada situación política ourensá cóbrase a primeira baixa. O concelleiro de Cultura, Mario González formalizou a súa anunciada renuncia como membro do Goberno tras manifestar as súas diverxencias con Jácome ao sinalar que “non coincidimos absolutamente en nada” e ao lamentar o bloqueo por parte do rexedor ao seu labor até o punto de que “faría moito máis se tivese o respaldo do alcalde”. González marcha após unha controvertida xestión que o ten enfrontado a boa parte do tecido cultural da cidade.

"Ourense non merece isto”, afirmou González na súa despedida, ante os medios de comunicación, despois de adiantar que “esta xa non é a miña guerra, eu voume”. González, que fixo parte do grupo de cinco concelleiros de Democracia Ourensá críticos con Jácome, abriu a porta coa súa dimisión a Telmo Ucha, representante do partido na pasada lexislatura e persoa do círculo de confianza do alcalde. A volta de Ucha altera a correlación de forzas no interior de DO e da corporación municipal. Xa non abonda cos votos dos representantes de Ciudadanos, do PP e dos críticos de Democracia Ourensá para sacar adiante unha moción de censura contra Jácome.

Caride renuncia como portavoz

A dimisión de González coincide coa renuncia de Miguel Caride como portavoz de Democracia Ourensá. Caride, que se mantén como concelleiro de Infraestruturas do Goberno, anunciou esta decisión tras solicitar a renuncia de Jácome á alcaldía e logo de amosar a súa disposición a un Executivo liderado por algún concelleiro do Partido Popular. As palabras de Caride volven evidenciar a conexión de Baltar cos movementos dos críticos a Jácome e coloca no presidente da Deputación de Ourense a responsabilidade sobre a situación na cidade.

A crise política ourensá agudiza, tamén, a división na agrupación local do PSOE. Así, cinco dos nove concelleiros do grupo municipal socialista amosaron a súa discrepancia pública coa proposta do secretario provincial e portavoz do partido na corporación, Rafael Villarino, de buscar un acordo co PP para substituír a Jácome á fronte da alcaldía. Porén, as diverxencias van máis alá desta cuestión puntual e exemplifican a debilidade do máximo responsábel do PSOE en Ourense.

“A caída de Rafael Villarino é cuestión de tempo”, declaran a Nós Diario sectores críticos do partido que dan por segura a súa substitución “para o congreso do vindeiro ano”. Segundo estas fontes, “Villarino deixou feridas abertas en moitas agrupacións” tendo en conta que se trata dun “dirixente moi próximo a Gonzalo Caballero”. “Ao marchar este, queda sen ningún apoio”. Na mesma liña, lembran que “a incapacidade para frear o apoio dos concelleiros socialistas ás mocións de censura de Castrelo de Miño e de Viana de Bolo evidencia a súa autoridade no partido”.

Comentarios