Baltar busca recambio para Jácome

As diverxencias internas ameazan con apartar da alcaldía de Ourense Gonzalo Pérez Jácome.
onzalo Pérez Jácome e Manuel Baltar na revalidación do cargo de Baltar na presidencia da Deputación cos votos de D.O. (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Gonzalo Pérez Jácome e Manuel Baltar na revalidación do cargo de Baltar na presidencia da Deputación cos votos de DO (Imaxe: Europa Press)

Os insistentes rumores sobre as diferenzas dentro de Democracia Ourensá (DO) confirmáronse nas últimas reunións da agrupación independente, onde a maioría dos concelleiros solicitaron ao rexedor explicacións sobre a opacidade na xestión económica do partido. Segundo sinalaron algúns dos asistentes á xuntanza, unha parte dos presentes esixiron a Jácome que aclarase o estado das contas e se non que dimitise como alcalde.

As dúbidas sobre a contabilidade da formación céntranse presuntamente na negativa de Jácome a facer pública a súa declaración de patrimonio e nas doazóns dalgúns dos asesores do partido adscritos ao Goberno local. Neste sentido, algunhas fontes consultadas por Nós Diario apuntan mesmamente a unha posíbel investigación sobre as finanzas da organización por parte do Tribunal de Contas. Porén, a discusión sobre a falla de claridade na xestión económica do partido agocha un debate máis de fondo, até o punto de afirmar Pérez Jácome que “a ninguén se lle escapa que detrás de certos movementos agóchanse intereses económicos espurios que sempre gobernaron esta cidade”.

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, estaría detrás da operación de substitución de Jácome á fronte do Goberno da cidade. Segundo puido saber Nós Diario, o Partido Popular e os concelleiros díscolos de Democracia Ourensá barallan como novo alcalde Miguel Caride, portavoz municipal desta formación. A candidatura de Caride conta co apoio do grupo municipal do PP, a totalidade dos concelleiros de Democracia Ourensá, agás de Armando Ojea e do propio Pérez Jácome, e probabelmente cos dous representantes de Ciudadanos, formación que xa contribúe á gobernabilidade na corporación provincial. 

Comentarios