luns 28/09/20

O PP deixa en "suspensión" o pacto de goberno na cidade de Ourense

O anuncio dos populares prodúcese após de que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, retirara as competencias aos edís Miguel Caride e Manuel Álvarez por "perda de confianza". Dáse a circunstancia de que os concelleiros foron moi críticos coa xestión económica do rexedor.
Imaxe de arquivo do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. (Foto: Europa Press)
Imaxe de arquivo do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. (Foto: Europa Press)

A cidade de Ourense vive hoxe un novo capítulo da súa crise de goberno coa ruptura do pacto por parte do Partido Popular, que viña sendo socio de Democracia Coruñesa. Os populares, que indican que "devolven" todas as competencias que teñen na Administración municipal, instan ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, a "reaccionar inmediatamente" após a "suspensión" do pacto.

O líder do PP ourensán, o ex alcalde e ex conselleiro Jesús Vázquez, afirmou que "o principio de confianza rompeu". Os populares non poden "entender a pasividade do alcalde" ante uns problemas anunciado desde hai semanas.

Vázquez, que remarcou que o PSOE local tamén ofreceu o pacto a DO, aludiu a inestabilidade polo enfrontamento dentro do propio grupo do rexedor. “O alcalde atopou no PP, en todos estes meses, a uns socios leais”, pero a confianza “quebrouse”. Neste sentido queren explicacións ante as acusacións que poñen en dúbida a "honorabilidade" de Pérez Jácome.

Na opinión dos sete edís populares, que tomaron a decisión "unánime" de suspender "temporalmente" o pacto, a cara visíbel do Concello convertiu unha crise de partido, nunha crise da cidade e "o PP non vai ser cómplice". Porén, non descartan que se recupere o "cogoberno".

Esta nova crise prodúcese cando a estabilidade de goberno fai augas tamén dentro de Democracia Ourensá (DO), pois Pérez Jácome vén de retirarlle as competencias aos seus concelleiros Miguel Caride e Manuel Álvarez.

Acusados de "indisciplina"

Até o de agora, Caride ocupaba o liderado da concellaría de Infraestruturas, Mobilidade e Transporte, mentres que o seu compañeiro Manuel Álvarez estaba á fronte de Servizos Xerais, Transparencia e Sistemas de Información.

O rexedor explicou que xa non estarán á fronte dos departamentos de Infraestruturas e Servizos Xerais e Transparencia, respectivamente, pola "perda de confianza", a "indisciplina" e a "falla de disposición para buscar unha solución". Incidiu moito nestes motivos obviando que os dous eran fichaxes de DO que amosaran ser moi críticas coas presuntas irregularidades no tratamento dos fondos públicos do partido. 

Cinco dos sete concelleiros da organización mesmo tiñan denunciado as súas sospeitas ante a Fiscalía. Alleo a este asunto, Jácome tamén acusou ao que fóra voceiro do seu equipo de "baixa produtividade da concellería de Infraestruturas".

De feito, será el o substituto á fronte do departamento "co fin de reactivar unha xestión actualmente paralizada: licitación de obra pública e renovación de concesións do Concello". O alcalde tamén se fará coa outra área arrebatada a Álvarez.

A través dunha nota de prensa, o Consistorio anunciou igualmente a destitución de Caride como secretario da xunta de Goberno. Este xa perdera a portavocía de Goberno a semana pasada. Sobre a terceira edil díscola coa xestión de Jácome, María del Mar Fernández Dibuja, responsábel de Comercio e Seguridas Cidadá, aínda non anunciou nada.

O principio do fin de Democracia Ourensá?

Pola súa banda, os edís cesados compareceron esta mañá ante os medios acompañados da propia María del Mar Fernández Dibuja e de María Teresa Rodríguez Garrido, que tamén deixarán os seus cargos tras a forma de proceder de Pérez Jácome. Mario González xa tiña dimitido hai uns días. 

Caride relacionou o movemento desta mañá con que hai uns días lle puxeran sobre a mesa ao alcalde "dous camiños". Dixéronlle que, ou marchaba el, ou marchaban os demais. "Sabía da nosa renuncia e gústalle anticiparse", engadiu.

Desde unha visión persoal, e após intentar chegar a un entendemento co rexedor, Caride asegurou que desde o seu punto de vista as siglas DO non teñen moito potencial de supervivencia.

Así, aludíu ás "trementdas irregularidades" e á "xestión personalista" marcada polo alcalde dentro do partido. "Non vexo futuro nin administrativa nin xurídicamente", reflexionou. Tamén dixo agardar a estratexia que seguirá o PP.

Pola súa banda, Álvarez revelou que Democracia Ourensá non conta con afiliados porque así o decidiu o líder da formación. "Tivo medode perder poder se admitía afiliados", subliñou.

comentarios