Gómez Besteiro sobre se será candidato á Presidencia da Xunta: "Xa falaremos"

Besteiro tamén abordou a súa retirada da política tras as imputacións xudiciais de 2016. "Non quero perder un minuto en lembrar o que pasou durante eses anos. Teño unha actitude positiva, estou ilusionado, mirando cara a adiante, cara a este novo encargo e para facelo ben en favor da Galiza", comentou.
José Ramón Gómez Besteiro (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O delegado do Goberno español na Galiza insiste en respectar os procesos do PSdeG, que deberá iniciar o secretario xeral, do que encomia o seu traballo.

O novo delegado do Goberno español na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, non refugou a posibilidade de liderar unha candidatura socialista á presidencia da Xunta da Galiza. "Cando se abra o proceso, falaremos", comentou.

"Non é unha cuestión de querer ou non. O proceso será aberto polo secretario xeral e, como ex secretario, entendo os tempos e os procesos. Ademais, tradicionalmente o secretario xeral forma parte desa candidatura, pero pódese presentar calquera, que debe ser referendado polos militantes. Cando se abra o proceso, xa falaremos, pero agora estou centrado na Delegación do Goberno", comentou Besteiro nunha entrevista concedida a Cadea Ser Galicia.

Neste sentido, ante a posibilidade de que sexa o propio Valentín González Formoso ou Pedro Sánchez quen lle pida que dea un paso adiante, insistiu en que "non é unha cuestión de dedocracia". "Son os militantes os que deciden", incidiu.

Besteiro tamén abordou a súa retirada da política tras as imputacións xudiciais de 2016. "Non quero perder un minuto en lembrar o que pasou durante eses anos. Teño unha actitude positiva, estou ilusionado, mirando cara a adiante, cara a este novo encargo e para facelo ben en favor da Galiza", comentou.

O representante da Administración estatal na Galiza ve agora ao PSdeG "centrado no proceso municipal, en disposición de revalidar e aumentar ese resultado fantástico que se obtivo hai catro anos".

Relación coa Xunta

Aínda que recoñeceu que "o tempo deixa as súas marcas", asegurou que a percepción de inocencia persoal "axuda a convivir todos estes anos". "Gañas experiencia, perspectiva, é enriquecedor ao final. Quedo co positivo. Non perdín un chisco de ilusión", sinalou, insistindo ademais en que chega para "facer política desde as institucións, buscar acordos".

Respecto a Elena Candia e a que fose ela a que entregase os anónimos cos que se iniciou a investigación xudicial, o delegado do Goberno español limitouse a dicir que "aí están os feitos, que non dan unha visión positiva, senón negativa".

"En política, xogar con estas cousas ten moitísimo risco porque detrás desa percepción [de entregar os anónimos], vén a idea de quen os fixo. E creo que ademais hoxe, en democracia, tes moitos mecanismos para buscar información, preguntar, se tes algunha dúbida. E se non se che aclara, tes a vía xudicial", indicou.

Centrado xa no presente, considera Besteiro que "a idea de que o PSdeG se fortaleceu" non se debe só aos últimos nomeamentos, senón que é "unha percepción que ten todo o mundo". Para o delegado do Goberno, os cambios e o maior peso da Galiza dentro do Executivo central débense tamén á "acción política de Formoso".

Po outra parte, espera que a relación coa Xunta da Galiza sexa "boa", pero avisa de que "a Delegación vai facer política a pé de rúa". "É un momento importantísimo para Galiza, para aproveitar as sinerxías entre Administracións", destacou.

Advertiu ademais de que utilizará o "sistema de rendición de contas", o "máis maduro e máis democrático que pode haber".

Comentarios