A Xunta acusa o Goberno estatal de facer "ideoloxía" co lobo

Varios cargos do PP cargan contra a inclusión desta especie no Lesrpe, o réxime de protección especial.
Lobo  Ana Retamero  WWF
photo_camera Na Galiza hai actualmente 93 mandas de lobo. (Foto: Ana Retamero)

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, cualificou esta terza feira de un "fito alarmante" a inclusión do lobo no Lesrpe —Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial—, xa que "non se contou coas comunidades autónomas verdadeiramente lobeiras" que levaron a cabo un traballo "intenso e científico, non ideolóxico".

Vázquez realizou estas declaracións en Madrid, durante a súa participación nun foro organizado polo PP no Senado para abordar o status actual do lobo. A conselleira criticou a "falta de diálogo" por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica que, asegurou, utiliza as súas propias cifras e "non ten en conta" os datos que facilitan as comunidades que se preocupan pola xestión.

Destacou que a Galiza ten un plan de xestión do lobo desde 2009, o que propiciou que pasase de haber 68 mandas a 93 na actualidade:"Non está en regresión, como di o Ministerio, senón todo o contrario. Nos anos noventa o lobo estaba en 80% do territorio galego e agora está en 94%". "Recibimos unha media de 1.300 chamadas ao ano alertándonos de ataques do lobo á gandería, que supón a morte dunhas 2.200 cabezas de bovino".

Na mesma liña e durante ese acto, o portavoz 'popular' de Agricultura no Senado, Jorge Martínez Antolín, criticou que "se lle dá [desde o Ministerio] o mesmo peso ás comunidades autónomas que teñen 95% da poboación de lobo que ás que non teñen nada, por exemplo Canarias".

"As poboacións de lobo medran de maneira potencial en todas as comunidades autónomas [...] a decisión do Lesrpe é absolutamente prexudicial para o sector gandeiro", sentenciou durante a súa intervención o conselleiro de Medio Ambiente, Vivenda e Ordenación do territorio da Xunta de Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones, reiterando a petición do PP ao Goberno español de evitar a extensión do lobo no seu territorio.

O lobo: poboación recuperada ou estancada?

Ante os datos que achegan frecuentemente desde a Xunta da Galiza e o PP, desde o movemento ecoloxista teñen cuestionado que a poboación do lobo estea a recuperarse. O pasado decembro Adega denunciaba que "en 2003 —cando se realizou o censo anterior ao de 2015— xa se marcaban arredor de 90 mandas", polo que a poboación desta especie "leva estancada 20 anos".

Comentarios