As procesións de Semana Santa unen a Besteiro e Rueda

Unha parte central da axenda política trasladouse esta fin de semana ás procesións. Besteiro e Rueda coincidiron a sexta feira na procesión do Santo Enterro de Viveiro.

EuropaPress_5106088_presidente_xunta_alfonso_rueda_3i_diputado_provincial_participacion_cidada(1)-min-min-min
photo_camera A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, o delegado do Goberno español na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro e o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, no centro da imaxe. (Foto: Europa Press)

A procesión do Santo Enterro de Viveiro volveu a estar presidida por responsábeis públicos. Neste caso, a vila mariñá mantén unha tradición que arranca tras o golpe de Estado de xullo de 1936, cando as autoridades civís e militares retornaron aos actos relixiosos.

O cortexo estivo encabezado pola alcaldesa da localidade, a socialista María Loureiro, o delegado do Goberno español na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, e o presidente da Xunta da Galiza,  Alfonso Rueda.

Loureiro, Besteiro e Rueda non foron os únicos políticos presentes nun lugar de honra no acto. Ao seu carón, atopábanse a subdelegada do Goberno español en Lugo, Isabel Rodríguez, o senador socialista, Cesar Mogo e o responsábel de Participación Cidadá da Deputación de Lugo, o socialista Roberto García

Xoves Santo

A procesión de Viveiro non foi a primeira para Rueda. O presidente galego deixouse ver o día anterior noutro acto semellante en Ferrol. Nesta ocasión, estivo acompañado de Ana Pastor e de responsábeis da Armada.

O Xoves Santo ferrolán de Rueda foi completo. Antes de asistir a estes actos relixiosos participou dun encontro da Confraría das Dores, unha das máis veteranas da cidade, que entregou a súa medalla de ouro ao xornalista Bieito Rubido.

Gómez Besteiro estivo, tamén, presente nas procesións da Semana Santa de Ferrol. Na marcha do Xoves Santo situouse outra vez nos postos de cabeza, partillando espazo con Rueda.

Un dos fixos en todos os actos relixiosos da última semana en Ferrol foi o alcalde socialista, Angel Mato, quen estivo acompañado polo presidente da Deputación da Coruña e secretario xeral do PSdeG, Valentín Formoso, na procesión do Cristo dos Navegantes.

A participación de Besteiro e Rueda nestes actos non son ningunha novidade. Un e outro teñen participado de xeito reiterado neste tipo de celebracións na súa condición de responsábeis públicos. Un aspecto obxecto de debate social dado o carácter laico do Estado fixado na constitución de 1978.

Comentarios