A Xunta di que o seu canon eólico non debe gravar quen máis produce

O BNG pide modificar o tributo "en beneficio da Galiza".
Parque eólico na serra do Candán, nas comarcas do Deza e Terra de Montes. (Foto: Arxina)
photo_camera Parque eólico na serra do Candán, nas comarcas do Deza e Terra de Montes. (Foto: Arxina)

O canon eólico da Xunta recada agora 4% menos que hai cinco anos malia haber 31 parques máis e aumentar a produción da enerxía derivada do vento. O tributo grava o número de aeroxeradores mais desde hai anos cada vez se instalan menos turbinas —pero de maior potencia—, co que as enerxéticas pagan menos ao pór menos muíños. 

O BNG defendeu onte no Parlamento modificar o canon eólico e apostar pola participación pública no sector "en beneficio das galegas e galegos". “Nunca Galiza xerou tanta eólica e os concellos afectados teñen cada vez menos retorno”, denunciou a deputada nacionalista Noa Presas. Criticou o “escaso” beneficio dun canon co que “hoxe os propietarios reciben de media menos de 3% do total da facturación dos parques e os concellos ao redor de 5%”.

"Non debe existir vínculo entre o canon e a produción de electricidade", subliñou o director xeral de Planificación Enerxética 

“Non pode ser que nun país especializado na produción de enerxía, que vive un boom eólico sen precedentes e que asiste á transformación do sector, nos resignemos coas migallas”, emprazou a portavoz de Enerxía, que expuxo o modelo do BNG “que aposta pola participación pública directa en beneficios do sector a través dunha empresa pública de enerxía”.

Finalidade "ambiental"

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila indicou que o canon eólico naceu en 2009 co obxectivo de gravar o impacto visual e paisaxístico das instalacións eólicas, afirmando que a súa recadación redistribúese nas zonas afectadas. 

Subliñou que a súa finalidade é "ambiental" e non é un tributo á produción de enerxía eléctrica, polo que non aumenta ou diminúe segundo a potencia dos aeroxeradores. Recoñeceu así que o feito das enerxéticas producir máis enerxía non implica que teñan que pagar máis.

"Non debe existir vínculo entre o canon e a produción de electricidade", subliñou o representante da Xunta, lamentando que o BNG "diga non a todo" o que ten que ver con enerxías renovábeis.

As compañías eólicas aumentaron o pasado ano os seus ingresos na Galiza en 75%, até os 1.989,6 millóns de euros. Porén, as máis importantes e cun nivel maior de facturación pagan os seus impostos en Madrid. Os beneficios do vento galego volveron emigrar un ano máis.

Comentarios