O PSdeG avisa que vai ao 28-M co “equipo titular” e para “gobernar a maioría social da Galiza”

O secretario de Organización, Laxe Tuñas, apunta desde Valencia que  son “a mellor garantía de progreso para as cidades e vilas galegas”.

PSdeG Valencia

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe Tuñas, afirmou este sábado que o PSdeG preséntase ás eleccións municipais do 28 de maio “co equipo titular para gobernar para a maioría social da Galiza”. Así o dixo dende a Convención Municipal do PSOE que se celebra esta fin de semana en Valencia e na que participou unha delegación do PSdeG.

Laxe Tuñas apunta que “saímos ao campo de xogo cunha gran aliñación, o PSdeG é a mellor garantía de progreso para as cidades e vilas galegas”. Destacou o “gran plantel” que presentan aos comicios locais do 28-M, que “aúnan experiencia, xuventude e feminismo” nas candidaturas.

Sinalou que “só o PSdeG pode presentar unha aliñción con xogadores do nivel de Abel Caballero, Inés Rei ou Lara Méndez, e así até máis de 300 candidatos e candidatas que ningún outro partido pode sacar ao campo de xogo”.

Dixo que “o PSdeG vai presentar un programa electoral para os vindeiros catro anos concello a concello, facendo da economía, o emprego e as políticas sociais un dos eixos claves da nosa acción política”.

O responsábel socialista destacou que, xunto á economía, os socialistas centrarán os seus esforzos en seguir construíndo cidades e pobos pensados “para vivir, desenvolvendo políticas de igualdade que poñan ás familias no centro da acción política para que as atopen espazos de conciliación e convivencia”.

O terceiro eixo, explicou, serán as políticas saudábeis, onde o medio ambiente sexa un “vector transversal de toda a acción política pensando en transformar cidades e pobos en espazos de convivencia pensando sempre nas persoas”.

Rueda, “sen proxecto”

O secretario de Organización do PSdeG tamén criticou a “pasividade” do Goberno galego diante de asuntos de interese xeral para a Galiza, e advertiu que “Rueda está máis pendente do que di ou fai Feixoo que dos problemas dos galegos e galegas”.

Comentarios