Fronte soberanista para que o Estado explique o envío de militares ao mar Negro

Esquerra Republicana de Catalunya, o Bloque Nacionalista Galego, a Candidatura d’Unitat Popular, EH Bildu e Junts reclaman que Defensa e Asuntos Exteriores explique o motivo polo que asume “o risco de alimentar a tensión no conflito” en Ucraína.

A fragata Blas de Lezo, navegando a ría de Ferrol dirección Mar Negro (Foto: EP).
photo_camera A fragata Blas de Lezo, navegando a ría de Ferrol dirección Mar Negro (Foto: EP).

O pasado sábado, saíu do Arsenal Militar de Ferrol a fragata Blas de Lezo en dirección ao mar Negro, no medio das tensións entre Rusia e a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), encabezada polos Estados Unidos.

A partida do buque, que se integrará nunha das agrupacións da OTAN adicadas a garantir a reacción inmediata en caso de que o conflito escale, espertou as críticas das formacións soberanistas no Congreso.

Simultaneamente, Esquerra Republicana de Catalunya, o Bloque Nacionalista Galego (BNG), a Candidatura d’Unitat Popular, EH Bildu e Junts, rexistraron unha solicitude para dean explicacións a ministra de Defensa, Margarita Robles, e mailo de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares.

As forzas políticas efectuaron o trámite para que sexan as comisións de Defensa e Asuntos Exteriores, as que acollan as intervencións para que os membros do gabinete xustifiquen as razóns que levan o Executivo estatal, conformado polo PSOE e Unidas Podemos, a participar de maneira directa na crise.

Na solicitude dirixida á titular de Defensa, incídese en que ten que brindar explicacións por unha decisión que ten “o risco de alimentar así a tensión no conflito”.

Ademais, no escrito no que se reclama a comparecencia de Albares, exixen que detalle “a posición e implicación do Estado”, así como “as accións que ten programadas” diante da escalada nas tensións.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, criticou hai uns días a participación de efectivos militares do Estado na zona, cuestionando que non se aposte polo diálogo e as solucións diplomáticas.

Comentarios