O círculo vicioso ucraíno segue a xirar

Estados Unidos e Rusia manteñen o diálogo –e o pulso– tras a reunión dos seus ministros de Exteriores.
blinken-lavrov_21xan2022_2
photo_camera As delegacións estadounidense, en primeiro plano, e rusa, lideradas por Blinken e Lavrov, na reunión desta sexta feira en Xenebra (Foto: Secretaría de Estado dos EUA)

"Algúns países desenvolveron o desagradábel vicio de facer bullying a Rusia por calquera razón ou sen razón ningunha. Converteuse nun novo deporte", afirmaba con sorna, en abril do ano pasado, Vladimir Putin. Naquela altura a acumulación de tropas na fronteira rusa-ucraína ía en aumento despois de semanas de violacións do cesamento do fogo entre os separatistas amparados por Moscova e as tropas do Goberno de Kiev. 

A situación repítese. Uns 100.000 militares rusos están estacionados na fronteira, en tanto que Canadá, EUA, Reino Unido, e varios países da UE facilitan ou prometen armamento e tropas a Ucraína. E a reunión desta sexta feira entre os xefes da diplomacia rusa e estadounidense, Sergei Lavrov e Antony Blinken, foi "útil e substancial", mais as diferenzas persisten.

Blinken dixo estar comprometido coa vía diplomática, mais "se Rusia continúa coa agresión contra Ucraína, daremos unha resposta unida, rápida e severa"; exixiu a retirada de tropas da fronteira e non renunciou á ampliación da OTAN. Lavrov, recolleu a axencia rusa Sputnik, insistiu en que "non hai intención de atacar Ucraína" e que "a histeria actual dos nosos colegas occidentais" vai encamiñada a "ocultar" a intención de Kiev de "sabotar os acordos de Minsk" (acordos para pór fin á guerra no leste de Ucraína ou Donbass). 

Saudade da URSS

Ucraína está marcadamente dividido entre a zona oriental, maioritariamente rusófona, e a occidental, onde está a capital e concentra os falantes de ucraíno. Como Estado, busca exercer a soberanía plena en todo o territorio. Mais, historicamente, Rusia considérao como 'propio'.

Escribía Putin, o 12 de xullo pasado, un artigo titulado Sobre a unidade histórica de rusos e ucraínos. Alí afirmaba que rusos e ucraínos son "un único pobo en conxunto" e laiábase polo "muro xurdido en anos recentes entre Rusia e Ucraína, entre as partes do que esencialmente é o mesmo espazo histórico e espiritual", algo que cualificaba da "nosa gran traxedia común". 

Recoñecía "erros propios en diferentes períodos de tempo", mais salientaba o principal motivo da división: "as forzas que sempre buscaron socavar a nosa unidade", usando "a fórmula do divide e vencerás" e apelando á "cuestión nacional" [o entrecomiñado é del] para "sementar discordia" e enfrontamento entre as partes dun "único pobo".

Á coñecida saudade pola URSS de Putin, ex axente da KGB, fixo referencia nas últimas horas Joe Biden. O presidente dos EUA insinuou que o seu homólogo ruso estaba a tratar de desquitarse coa historia. "O Muro de Berlín caeu, o imperio perdeuse, a 'veciñanza' [zonas de influencia soviética] marchou. A URSS desintegrouse", afirmou.

Seguridade e/ou enerxía

O continuo avance da OTAN na  'veciñanza' rusa e a aspiración estadounidense de que Ucraína pase a ser un Estado membro son para o Kremlin, primeiro, unha aldraxe á historia e, segundo, unha seria ameaza á súa seguridade: a instalación de mísiles en solo ucraíno colocaría Moscova a tiro de pedra, a menos de cinco minutos dun impacto. Unha "liña vermella" para Putin, tal e como asegurou naquela intervención de abril do ano pasado, durante o discurso sobre o estado da nación. 

Tampouco parece probábel que Biden vaia ceder neste man a man. "En xogo para os estadounidenses está a credibilidade de Occidente, a percepción de EUA como potencia global e a posibilidade de consecuencias secundarias que golpeen de maneira intensa internamente ─por exemplo, cun aumento nos prezos da enerxía por unha crise de combustíbeis─", analizaba esta sexta feira a TV estadounidense CNN.

Entre o respecto á decisión dun Estado soberano que busca unirse a unha alianza militar fundada para contrarrestar unha suposta agresión da URSS, e as xustificadas arelas rusas, ante o "bullying" da OTAN, por manter ese cinto de seguridade composto por antigos países baixo a súa órbita, como Ucraína ou Xeorxia, é que abala a actual crise entre Moscova e Occidente.  

E a forza aplicada nun e noutro polo xera unha forza centrífuga ao longo de toda Europa, tamén dividida entre a salvagarda da seguridade territorial ─real ou artificialmente ameazada─ e a dependencia enerxética do gas e do petróleo de Rusia.

Creando ademais un círculo vicioso: Occidente proporciona máis e máis armas a Ucraína ante o temor a unha suposta invasión rusa; e Rusia acumula máis e máis tropas na fronteira ante o rearme de Kiev, ao que acusan de querer "reactivar a guerra civil" e "tentar xestionar o problema do Sueste [a zona separatista pro rusa] por medio da forza", tal e como afirmou o Kremlin na quinta feira. 

Comentarios