EUA aviva as ameazas a Rusia, que critica as "provocacións"

Os países occidentais afirman que na fronteira hai 100.000 soldados rusos, mentres Moscova fala dunha "campaña" orquestrada para "preparar as súas propias provocacións a grande escala".

Blinken e a súa homóloga alemá, Annalena Baerbock, reunidos na quinta feira (Foto: Secretaría de Estado dos EUA).
photo_camera Blinken e a súa homóloga alemá, Annalena Baerbock, reunidos na quinta feira (Foto: Secretaría de Estado dos EUA).

O xefe da diplomacia estadounidense, Antony Blinken, reuniuse onte en Berlín cos ministros de Exteriores de Alemaña, Francia e Reino Unido para coordinar a resposta de Occidente á crise na fronteira ruso-ucraína.

Fíxoo horas despois de que o presidente dos EUA, Joe Biden, ameazase cun "desastre" para Rusia se finalmente decide invadir Ucraína. A respecto desta declaración, o portavoz do Kremlin, Dmitry Peskov, sinalou que "en ningunha medida serve para aliviar as tensións que xurdiron en Europa".

Blinken, porén, manifestouse na mesma liña que Biden: "Deixamos claro que se Rusia move as súas tropas cara á fronteira ucraína e comete novos actos de agresión haberá unha resposta rápida, contundente e unida de EUA e dos nosos aliados".

Non obstante, Moscova culpa as potencias occidentais e os medios de comunicación ucraínos de publicar especulacións sen fundamento sobre unha inminente invasión rusa para encubrir as propias intencións. "Estamos convencidos de que o obxectivo desta campaña é crear unha cobertura informativa para preparar as súas propias provocacións a grande escala, incluídas as de carácter militar, que poden ter as máis tráxicas consecuencias para a seguridade rexional e mundial", asegurou Maria Zakharova, portavoz do Ministerio de Exteriores ruso.

Neste mesmo sentido, Peskov asegurou que "todas estas declaracións provocan unha desestabilización, porque algúns descerebrados dentro das autoridades ucraínas xestaron a ilusión de que poden reactivar a guerra civil no seu país e tentar xestionar o problema do Sueste [a zona separatista pro rusa de Donetsk e Lugansk] por medio da forza".

Medidas disuasorias

Sobre o terreo, a situación segue sendo tensa. Imaxes por satélite mostran un amplo despregue militar ruso en varios puntos estratéxicos perto da fronteira ucraína. Segundo Occidente, hai posicionados máis de 100.000 militares rusos.

Moscova xustificou os últimos movementos ante o que considera "provocacións". Nomeadamente, unha posíbel integración de Ucraína na OTAN, algo que percibe como unha ameaza; e a axuda militar comprometida a Kiev nestes últimos días por varios países, que Blinken di que é "defensiva" e "disuasoria".

Comentarios