O BNG rexeita enviar militares ao leste de Europa

Rego reclama ao Estado que non se deixe "arrastrar a este conflito pola actitude militarista da OTAN e dos Estados Unidos".
O deputado do BNG, Néstor Rego, na Cámara Baixa (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG, Néstor Rego, na Cámara Baixa. (Foto: Nós Diario)

“A decisión do Goberno español de ofrecer á OTAN o envío de efectivos militares ao leste parécenos profundamente desacertada”, defendeu esta sexta feira o deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego.

A formación nacionalista critica que non se aposte pola desescalada nas tensións, a vía diplomática e o diálogo, e que en cambio, o Executivo estatal tome “o camiño de contribuír para o aumento da tensión bélica na zona. É un erro”, resolveu.

Asemade, o deputado alertou do risco de que o Estado “se deixe arrastrar a este conflito pola actitude militarista da Organización do Tratado Atlántico (OTAN) e dos Estados Unidos (EUA) e polos intereses xeoestratéxicos desta potencia imperialista”, o que o leva a reclamar a “neutralidade activa”.

“A pregunta evidente é se o PSOE quere cometer os mesmos erros do Partido Popular de [Jose María] Aznar, converténdose no partido da guerra en vez de apoiar todas as iniciativas de paz”, asegurou Rego.

Subliñando que calquera envío de efectivos militares ten que ser debatido no Congreso, o lexislador do BNG adiantou que rexeitan que o Exército español se despregue no mar Negro e nos países do leste de Europa.

Ademais de recomendar que se opte polo diálogo, Rego incidiu en que hai espazos como a Organización das Nacións Unidas “para lograr a desescalada das tensións e procurar unha solución estábel sobre a base do respecto á soberanía dos pobos”.

Estas declaracións chegan despois de que a ministra de Defensa, Margarita Robles, anunciara que o Estado está disposto a enviar militares á zona en apoio da posición dos EUA.

A tensión en Ucraína medrou por mor do intento da OTAN, encabezada polos EUA, de expandirse cara ao leste, o que é criticado por Rusia polo intento de instalar sistemas de ataque xusto nas súas fronteiras.

Comentarios