Parte de Ferrol a fragata Blas de Lezo

O Goberno español envía a nave, que fará escala en Rota, con destino ao Mar Negro.
A fragata Blas de Lezo, navegando a ría de Ferrol dirección Mar Negro (Foto: EP).
photo_camera A fragata Blas de Lezo, navegando a ría de Ferrol dirección Mar Negro (Foto: EP).

A fragata ' Blas de  Lezo' partiu na mañá de hoxe, día 22 de xaneiro, do Arsenal Militar de Ferrol, onde ten a súa base, rumbo a unha zona do Mar Negro en plena crise entre Rusia e Ucraína.

O buque integrarase nunha das agrupacións da OTAN, a  SNMG-2, no Mar Mediterráneo, na que se integran unidades navais dos distintos países aliados.

Todo iso tras ter que atrasar a súa saída por un problema derivado das probas da Covid realizadas á dotación, xa que tiña previsto emprender a súa viaxe ás 22,00 de onte, día 21.

A función desta agrupación é dotar á OTAN dunha capacidade de reacción operativa inmediata en escenarios navais nun escenario como o Mar Negro que actualmente está cualificado como "quente" ante a escalada de tensións na zona.

A día de hoxe, uns 100.000 militares rusos están estacionados na fronteira, en tanto que Canadá, EUA, Reino Unido, e varios países da UE -incluídos o Estado español- facilitan ou prometen armamento e tropas a Ucraína.

O xefe da diplomacia estadounidense, Antony Blinken, dixo estar comprometido coa vía diplomática, mais "se Rusia continúa coa agresión contra Ucraína, daremos unha resposta unida, rápida e severa".

Pola súa banda, o seu homólogo ruso manifestou que "non hai intención de atacar Ucraína" e que "a histeria actual dos nosos colegas occidentais" vai encamiñada a "ocultar" a intención de Kiev de "sabotar os acordos de Minsk" (acordos para pór fin á guerra no leste de Ucraína ou Donbass). 

Comentarios