Formoso sinala Besteiro como "un potencial candidato" á Presidencia da Xunta

O proceso de primarias foi anunciado polo propio Formoso en xuño deste ano e tiña prefixada a data do 17 de setembro para o proceso, pero tras as eleccións estatais do 23 de xullo, Ferraz desaconsellou polo contexto político organizar este proceso orgánico, a falta de culminarse a investidura.
González Formoso intervén durante unha rolda de prensa do PSdeG (Foto: Europa Press).
photo_camera González Formoso intervén durante unha rolda de prensa do PSdeG (Foto: Europa Press).

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, destacou a presenza do deputado no Congreso José Ramón Gómez Besteiro na comisión negociadora para a investidura de Pedro Sánchez. "Un dos potenciais candidatos [do PSdeG á Xunta] está incluído nesa comisión que terá que dalo todo", conveu o dirixente socialista, quen asegurou, a preguntas dos medios, se se dirixirá ao seu xefe de filas en canto pase ese proceso no Congreso para reactivar as primarias para elixir ao cabeza de cartel nas galegas.

Foi, precisamente Formoso, o que situou o "filtro" da militancia como condición para a elección da persoa que encabezará a lista dos socialistas galegos para os comicios galegos que, haxa ou non adianto electoral, non se estenderán máis aló da primavera de 2024.

O proceso de primarias foi anunciado polo propio Formoso en xuño deste ano e tiña prefixada a data do 17 de setembro para o proceso, pero tras as eleccións estatais do 23 de xullo, Ferraz desaconsellou polo contexto político organizar este proceso orgánico, a falta de culminarse un proceso de investidura.

Despois de que Besteiro fose elixido para realizar a primeira intervención no Congreso para defender a reforma do regulamento e a inclusión dos idiomas oficiais como linguas das Cortes; Sánchez situou na comisión negociadora o político lucense rehabilitado na primeira liña política hai uns meses. Este movemento foi valorado por Formoso, que recoñeceu que nesa comisión está "un dos potenciais candidatos" á Xunta por parte do PSdeG.

"Creo que despois da inxustiza (que viviu Besteiro polos procesos xudiciais)", dixo Formoso, agora podemos "gozar" da súa forma de ver a política e os seus "valores galeguistas", primeiro, "pondo en valor o galego no Congreso" e, agora, "volve ser un orgullo" que se inclúa na comisión negociadora para conformar un goberno.

Así, Formoso destacou que Besteiro forme parte desa comisión na cal só hai oito persoas e que terá que ter a capacidade de "levar a bo porto a ese buque de entendemento" para unha investidura de éxito da que salga un novo goberno.

Primarias

En todo caso, sobre a figura de Besteiro como posíbel candidato, salientou que no PSOE funciona o "filtro da militancia", que é a "propietaria" do partido e, por tanto, será "a que decida" o seu candidato á Xunta nun proceso interno, sobre o que "non hai novidades".

Preguntado por se, unha vez que conclúa o proceso de investidura e ante os indicios de precampaña electoral que a propia oposición observa, Formoso dixo que "efectivamente" se dirixirá despois dela ao seu secretario xeral para celebrar esas primarias que, sostivo, tamén son "necesarias e urxentes dado este baile de incerteza" do presidente Alfonso Rueda.

Ao dirixente popular afeoulle que en lugar de estar "a falar da cantidade de problemas e necesidades e retos" que ten Galiza, estea pendente do "whatsapp" de Feixoo e Ayuso.

Así, convidou a que cando tome "esa cervexa" cos galegos que lles explique "por que se somete aos intereses de Feixoo, que renunciou a Galiza hai tempo".

Comentarios