José Ramón Gómez Besteiro, deputado do PSdeG: "Os socialistas galegos queremos facer en Madrid un galeguismo útil"

José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967) abre como deputado socialista no Congreso unha nova etapa na súa dilatada carreira política. Neste contexto, analiza para 'Nós Diario' a situación política do Estado, as perspectivas a medio prazo da súa formación e os obxectivos do PSdeG para a actual lexislatura.
O lugués José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera O lugués José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

—Que valoración fai do proceso de constitución da Mesa do Congreso e que conclusións saca do mesmo de cara á investidura do novo presidente e da conformación do próximo Goberno do Estado?

Eu creo que a primeira valoración da constitución da Mesa do Congreso  é constatar unha nova derrota da dereita, baixo ese marco que nos queren ás veces presentar de que son os gañadores das eleccións, e, especialmente, de Alberto Núñez Feixoo, que segue atrapado nunha realidade paralela ou imaxinaria que considera que ten o dereito a gobernar, non sabemos se porque segue en shock tras o resultado das eleccións ou porque é unha estratexia de supervivencia no liderado do seu partido. 

O que é evidente é que o Congreso reflicte unha maioría progresista que representa unha España plural, que seguirá avanzando na liña comezada hai catro anos. Unha España que deixou claramente manifestado que non pode esperar que Feixoo acepte de bo grao a súa derrota.

A confluencia desas maiorías, que derivaron na constitución da Mesa do Congreso, reflicte unha intención de cara á investidura sobre quen pode ser investido por esa maioría, que é Pedro Sánchez. Polo momento só hai unha folla de ruta e toca sentarse a falar para chegar a ese punto de encontro que permita que Sánchez revalide a Presidencia do Goberno.

Eu creo que os socialistas somos conscientes de que non será un tema sinxelo, que enriba da mesa hai moitos intereses, lexítimos todos eles, pero creo, tamén, que este novo período debe ser unha continuación do anterior, onde houbo unha aposta clara por Galiza.

Así e todo, eu creo que a próxima lexislatura vai vir marcada por outras cuestións, onde o sistema de financiamento vai ser unha das pedras angulares e por iso reforzar o noso sistema autonómico é unha prioridade para os socialistas. 

—Empezando por onde remataba, semella evidente que a reforma do sistema de financiamento vai estar no centro do debate, fundamentalmente pola correlación de forzas existente no Congreso, neste sentido cales van ser os criterios que van defender desde o PSdeG?

Calquera que revise os orzamentos da Galiza dáse conta de que hai un sobrecusto na prestación de determinados servizos básicos, provocado polo depoboamento, o envellecemento e a dispersión territorial.

En todo caso, a reforma do sistema de financiamento tense que facer en base a catro principios básicos: Autonomía, solidariedade interterritorial, porque en moitos casos vai beneficiar á Galiza e, ademais, porque un principio fundamental para nós é o da igualdade entre todos. Corresponsabilidade á hora de tomar decisións en materia de ingresos e gastos, porque non pode ser que ao mesmo tempo que reduces os impostos reclames máis investimento ao Estado. E lealdade institucional, sobre todo neste momento, porque os 10 anos seguintes van estar marcados polos fondos europeos e polo cogobernanza e se queremos cogobernanza é necesaria a lealdade institucional. 

Todo isto lévanos a defender  Galiza no marco do propio Estado e isto vai ser crucial para o país.

—Falaba antes dos compromisos de Pedro Sánchez coa Galiza en materia industrial ou de infraestruturas, a maiores dun novo sistema de financiamento cales son as cuestións prioritarias para os socialistas galegos nesta lexislatura?

Os socialistas galegos imos traballar para impulsar o sistema produtivo propio da Galiza. Ao tempo, apostamos por empuxar a industrialización e a produción enerxética e aproveitar as posibilidades da transición enerxética, como unha vía para impulsar o tecido industrial. Na mesma liña, aspiramos a fortalecer o sistema público, seriamente ameazado pola política de recortes de Núñez Feixoo e Alfonso Rueda.

Os socialistas galegos queremos facer en Madrid galeguismo útil, porque esa é a mellor vía para defender Galiza. 

— O debate sobre a organización do Estado estará no centro nesta lexislatura pola composición do Congreso. Ante unha posíbel reforma do modelo territorial, que propoñen desde o PSdeG?

A reforma do Estatuto da Galiza é unha cuestión fundamental. O Estatuto galego quedou desfasado non só en relación coas nacionalidades históricas senón tamén con outras comunidades que se moveron e mudaron o seu texto estatutario durante o Goberno de Rodríguez Zapatero. O noso Estatuto está desfasado e non só con Catalunya e Euskadi.


As razóns dun novo Estatuto para Galiza

José Ramón Gómez Besteiro defende sen concesións a xestión gobernamental de Pedro Sánchez, a quen o socialista galego apoiou nos seus momentos políticos máis complicados. Neste sentido, asegura que “Galiza foi unha prioridade para o Goberno central, que se ve no impulso industrial que se está dando á Galiza, após 14 anos de inacción de Feixoo e de Rueda, pero tamén no ámbito das infraestruturas, para superar os oito anos de parada que tivo durante os Gobernos de Mariano Raxoi”. Gómez Besteiro entende de cara ao futuro que “un novo  Estatuto para a Galiza e a reforma do sistema de financiamento son fundamentais. "Nós vemos con optimismo o avance da España plural. Temos que facerlle entender á dereita que non todo pasa por Madrid, non todo é Madrid, España é plural e nesa España temos que coller todos con comodidade”.

Comentarios