Formoso, sobre as primarias do PSdeG para escoller candidato á Xunta: "Non prevemos ningún outro escenario"

O secretario xeral socialista asegura que a súa formación está “activada” para afrontar os comicios galegos

Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG (Foto: Nós Diario).
photo_camera Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, este sábado en Compostela. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reiterou este sábado, 9 de setembro, que o partido que encabeza escollerá o seu candidato ou candidata á Presidencia da Xunta da Galiza nas próximas eleccións galegas nun proceso de primarias como o que xa estaba convocado e que foi finalmente suspendido por orde de Ferraz até que se resolva a investidura no Estado español. Unha decisión que foi cuestionada polo sector crítico do partido, liderado polo ex secretario xeral Gonzalo Caballero.

"Non prevemos ningún outro escenario", aseverou sobre a celebración de primarias González Formoso na sede do PSdeG en Compostela, onde mantivo unha reunión con deputados e senadores da recentemente iniciada lexislatura nas Cortes Xerais do Estado español.

A preguntas da prensa, o tamén alcalde das Pontes (comarca de Eume) e presidente da Deputación da Coruña remarcou que a elección da cabeza de lista nas eleccións galegas a través de primarias é o sistema que estabelecen os estatutos do partido e que se retomará o proceso suspendido cando se resolva a gobernabilidade no Estado español.

Para Formoso, iso é o que "preocupa" aos galegos e ás galegas, e non as cuestións internas do Partido dos Socialistas e que, polo tanto, é no que a organización está "centrada" á espera de que se resolva a investidura mentres, paralelamente, "prepara a maquinaria" para unhas eleccións galegas que "algún día" o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, convocará en función “dos intereses" do Partido Popular.

Así, considera que o partido "está preparado" para a cita coas urnas porque, máis aló de non contar con candidato, a formación está "activada" para recoñecer os problemas da Galiza e propor "respostas" aos mesmos.

Primarias "reflexo" do partido

Deste xeito, aseverou que as primarias son "o reflexo" do carácter do PSOE porque expresan a vontade de "democracia" fronte a outras organizacións que elixen os seus candidatos "a dedo".

Cuestionado sobre a posíbel candidatura do deputado socialista no Congreso español Xosé Ramón Gómez Besteiro e tras proclamarse a si mesmo como un "fillo das primarias", sinalou que "ese proceso, cando se dea" será un proceso no que "calquera compañeiro" pode presentarse.

"As primarias son a fórmula escollida estatutariamente do PSOE para designar aos seus candidatos, por tanto, non prevemos ningún outro escenario", sinalou.

Comentarios