Besteiro gaña peso (e confianza) no PSOE coas primarias na Galiza moi perto: Sánchez elíxeo para negociar a investidura

O deputado por Lugo, cuxo nome soa cada vez con máis forza para liderar a candidatura do PSdeG nas vindeiras eleccións á Presidencia da Xunta, será un dos sete socialistas que negocien a investidura de Pedro Sánchez coas diferentes forzas políticas.
O socialista José Ramón Gómez Besteiro, desde a tribuna do Congreso. (Foto: Europa Press)
photo_camera O socialista José Ramón Gómez Besteiro, desde a tribuna do Congreso. (Foto: Europa Press)

O líder do PSOE, Pedro Sánchez, elixiu o deputado pola provincia de Lugo e ex delegado do Goberno estatal na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, como un dos sete representantes da súa formación que integrarán a comisión que negociará cos restantes grupos parlametarios —agás Vox— investidura do actual presidente en funcións. Este órgano estará formado, alén de por Besteiro, pola vicesecretaria xeral do PSOE e ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero; o secretario de Organización, Santos Cerdán; a portavoz do PSOE e ministra de Educación e FP en funcións, Pilar Alegría; a secretaria de Política Internacional e Cooperación do PSOE, Hana Jalloul; o ministro da Presidencia en funcións, Félix Bolaños, e o deputado Óscar Puente.

Así o deu a coñecer o Partido Socialista nunha xornada, a desta cuarta feira, na que o seu secretario xeral iniciou a súa rolda de contactos cun primeiro encontro coa vicepresidenta do Goberno e ministra de Traballo en funcións, Yolanda Díaz, líder tamén do grupo parlamentario da coalición Sumar. Díaz, con todo, advertiu após entrevistarse co xefe do Estado, o rei Felipe VI, que a día de hoxe está aínda lonxe de dar o 'si' a Sánchez.

Maior presenza de Besteiro

Desde a súa volta á primeira liña política tras permanecer apartado do foco mediático durante sete anos polas súas imputacións por parte da xuíza Pilar de Laratodas elas xa arquivadas, e a maxistrada sancionada e apartada do xulgado de Lugo—, Besteiro foi cobrando un maior protagonismo no Partido Socialista. O político lugués regresou á política para ocupar o cargo de delegado do Goberno estatal na Galiza, unha responsabilidade da que dimitiu para encabezar a candidatura do PSdeG ao Congreso pola provincia de Lugo.

Ademais, nun contexto no que o seu nome soa como posíbel aspirante ás primarias nas que os socialistas galegos elixirán o seu candidato á Presidencia da Xunta da Galiza, Besteiro está a tomar un papel cada vez máis activo na política estatal. Desde a constitución das novas Cortes, o PSOE outorgoulle visibilidade ao designalo encargado de defender o uso das linguas cooficiais no Congreso, e agora a dirección do partido volve situalo no foco como un dos sete socialistas que levarán o peso das negociaciaciones para a investidura.

Percisamente, a dirección federal do PSOE aprazou as primarias que o PSdeG convocara para o pasado mes de setembro "até a celebración da sesión de investidura e a eventual foramción de Goberno". Para este proceso interno, diferentes voces socialistas apuntan a Besteiro como a persoa que podería dar un paso adiante.

Ademais, está no aire se o que fora secretario xeral desta formación e actual parlamentario na Cámara galega, Gonzalo Caballero, moi crítico coa dirección actual, decide finalmente presentarse a este proceso de novo. E tamén entra nas 'quinielas', se ben o seu nome foi perdendo peso nos últimos meses, o ministro de Sanidade e ex delegado do Goberno e alcalde de Ames, José Miñones.

Comentarios