O PSdeG define a etapa de Feixoo á fronte da Xunta como un "legado de renuncias"

Valentín González Formoso tendeu a man ao vicepresidente primeiro da Goberno galego, Alfonso Rueda, en "temas estratéxicos".
Valentín González Formoso mantivo nesta segunda feira unha reunión con profesionais sanitarios da Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín González Formoso mantivo nesta segunda feira unha reunión con profesionais sanitarios da Coruña. (Foto: Nós Diario)

O secretario  xeral do Partido Socialista da Galiza (PSdeG), Valentín González Formoso, definiu a etapa de Alberto Núñez Feixoo á fronte da xunta como un "legado de renuncias".

Formoso lamentou as "renuncias ás que se viu sometida a Galiza nos últimos 14 anos". Para o socialista, estas renuncias viñeron derivadas do "deixamento" de funcións de Feixoo como presidente do Goberno galego.

Neste sentido, o secretario xeral dos socialistas galegos lembrou que, cando o dirixente popular acadou a presidencia da Xunta, "(na Galiza) tiñamos menos parados, moitísima menos débeda, había máis xente, incluíndo máis xente nova, e investigábase máis do que hoxe se investiga".

Criticou tamén que Feixoo "non fixo absolutamente nada" a prol das "cuestións estratéxicas de país" e dos sectores produtivos que "serven de tractores para manter millóns de persoas contratadas e con oportunidades laborais activas".

Man tendida a Rueda

As palabras de Valentín González Formoso chegan despois de que este domingo tendese a man ao vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, que sucederá Feixoo como máximo dirixente autonómico, para colaborar en "temas estratéxicos".

Para o socialista, Rueda "nace co estigma de non ser escollido polos galegos e galegas como presidente, senón que polo clan Baltar e tres máis".

Segundo o secretario xeral do PSdeG, a formación "vai fiscalizar" o traballo que desenvolva o novo Goberno galego, mais non exercerá unha oposición férrea nun momento "tan duro" para a Galiza.

Formoso afirmou que o interese da poboación galega debe ser o prioritario, polo que Rueda poderá contar co seu apoio para os asuntos "chave e claramente imprescindíbeis e estratéxicos".

Comentarios