Os socialistas advirten do risco de 'empobrecemento de 770.000 galegos'

Formoso oponse a desvalorización das pensións proposta por Feixoo

O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, amosou o seu rexeitamento a proposta de reformada das pensións formulada por Alberte Núñez Feixoo, que “suporía o empobrecemento de 770.000 galegos e galegas”

Formoso 2
photo_camera Valentín González Formoso durante unha reunión do PSdeG. (Foto: Nós Diario)

Formoso chamou a frear a desvalorización das pensións impulsada por Feixoo. Segundo o líder socialista, a mesma “implicaría que os pensionista galegos se empobrezan nunha medida dun 20%”.

O dirixente socialista advertiu da proposta do PP de “anular desde o Goberno de España” o modelo de pensións vixentes, pactada de “acordo cos sindicatos, os empresarios e con outras formacións políticas que convalidaron esa reforma do sistema de pensións co voto en contra do PP”.

O secretario xeral do PSdeG cualificou de “perigosas” as políticas do PP e expresou a súa “franca preocupación” por feitos como que o PP, “por orde de Feixoo”, votase no Senado “en contra de que as mulleres neste país puidesen exercer libremente o seu dereito a abortar nas clínicas autorizadas para iso”.

'Moita socialdemocracia'

A receita do líder socialista “contra ese PP” e “facer moita socialdemocracia e moita pedagoxía nun momento perigoso para as cuestións vencelladas ao sistema de benestar”. Nesa dirección, reclamou “contra ese tipo de medidas” facer unha política “ilusiónante, dinámica e comprometida cos alicerces do benestar en España e na Galiza”.

Formoso apostou por unha estratexia política “onde claramente exerzamos accións propositivas nos diferentes ámbitos” e indicou que “neste proxecto non só imos sinalar os problemas senón tamén achegar solucións”.

O máximo  responsábel dos socialistas avanzou un tempo novo nas relacións co PP após a marcha de Feixoo. Nesta dirección, amosou a  amosou a súa confianza en ter “máis interlocución con Rueda que con Feixoo”.

Rueda

“Estou convencido de que así será”, aseverou Formoso, “porque se no peor momento para Galiza nos últimos 30 anos -con sectores asoballados pola carestía dos prezos dos combustibles e con empresas paralizadas polo prezo da enerxía- o Goberno  non se xunta coas forzas políticas de Galiza a verdade é que eu non vou insistir máis e deixarémolo á súa decisión”.

O secretario xeral dos socialistas significou que “o diálogo non se pode substituír por roldas de prensa”. Nesa liña, contrastou a posición do PP co Pedro Sánchez, “quen recibiu a Feixoo tres días despois de ser elixido novo líder do PP nacional”

Formoso apostou polo “intercambio de opinións e o enriquecemento das nosas posicións políticas” e matizou que “non se pode substituír co desprezo a unha formación política que representa  62% poboación galega”.

Comentarios