Feixoo aumenta o seu patrimonio: unha nova casa na Coruña, máis accións de Inditex e 'sobresoldos' do PP

A declaración de bens rexistrada polo líder popular como senador reflicte un considerábel incremento do seu patrimonio persoal desde que accedeu ao liderado do Partido Popular no Estado español.
O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, en rolda de prensa desde o Congreso, o pasado 30 de agosto, após reunirse con Pedro Sánchez. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, en rolda de prensa desde o Congreso, o pasado 30 de agosto, após reunirse con Pedro Sánchez. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

O patrimonio persoal do presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, segue a incrementarse. Hai escasos días, en concreto o pasado 11 de agosto, comprou unha nova casa na Coruña, que se suma a outros bens inmóbeis que xa tiña en posesión como outras vivendas en Madrid e Vigo e un terreo en Ames. Aliás, dispón de 4.000 accións da multinacional Inditex valoradas en 130.200 euros —a data de 14 de agosto—, así como 600.000 euros en aforros repartidos nun fondo de investimento e nun plan de pensións.

Así figura na declaración de bens presentada tras o seu cesamento como senador na Cámara Alta, na que tamén figura que percibiu do Partido Popular durante 2022 máis de 70.000 euros. Concretamente, cobrou 39.000 euros en gastos de representación e 31.500 euros como presidente do grupo parlamentario popular no Senado. O dirixente popular tamén recibiu 1.770 euros como membro do Parlamento da Galiza o pasado ano e outros 22.000 euros como presidente da Xunta.

Ten en pleno dominio unha vivenda en Madrid, outra en Vigo e unha terceira na Coruña, a adquirida o pasado 11 de agosto, así como unha leira rústica en Ames (comarca de Santiago) que data de 1992. Na primeira declaración que o presidente do PP presentou no Senado, en xuño de 2022, contaba con 2.500 accións da compañía, 1.500 menos que agora.

Por outra parte, non conta na actualidade con débedas nin obrigas patrimoniais de ningún tipo, tal e como figura no devandito documento presentado ante a Cámara Alta, á que chegou na primavera de 2022, logo de abandonar o Goberno galego para dar o salto á política estatal.

Outras declaracións de bens no Senado

Até o momento, non todos os ex senadores e novos e novas representantes presentaron as súas respectivas declaracións de bens, dado que teñen de prazo até o 17 de setembro para facelo, segundo fontes da Cámara Alta. Entre outros cargos relevantes que recentemente actualizaron a súa declaración de bens está o presidente do Senado, Pedro Rollán, quen percibiu o pasado ano 25.560 euros en gastos de representación por parte do PP. Tamén ten en pleno dominio unha vivenda e unha praza de aparcamento en Madrid, así como outra vivenda, varios locais comerciais, garaxes e naves industriais que son propiedade dunha empresa na que participa.

Pola súa parte, o vicepresidente primeiro da institución, Javier Maroto, recibiu en 2022 case 25.000 euros como portavoz do grupo parlamentario popular. Ten unha vivenda en Sotosalbos (Segovia) e outra en Madrid, ambas as dúas a 50%. Ademais, dispón de case 20.000 euros de aforro nunha entidade de previsión social; dúas contas a 50% con 28.199 euros e un fondo de investimento, tamén a 50%, con 33.031 euros.

Guillermo Fernández Vara, nomeado recentemente vicepresidente segundo da Cámara Alta, recibiu durante o pasado ano preto de 96.000 euros como presidente da Junta de Extremadura e ten en propiedade en calidade de bens adquiridos dúas vivendas en Badaxoz, unha en Madrid e outra en Huelva. Declara aforros de 150.000 euros na Caixa de Almendralejo e non ten débedas.

Javier Arenas, nomeado recentemente portavoz do PP no Senado, tamén recibiu en 2022 unha prima en gastos de representación parte do seu partido: 5.013 euros. Ten un total de tres vivendas —dúas en Sevilla e outra en Málaga—, das cales una foi herdada e as outros dúas están en réxime lucrativo.

En canto aos senadores socialistas, o expresidente do Senado Ander Gil conta en propiedade coa metade dunha vivenda en Burgos e declara 237.000 euros entre dúas contas correntes, dúas contas de aforro e un depósito. Aliás, en 2022 participou con 10.000 euros nun microcrédito do PSOE. A portavoz socialista na Cámara Alta, Eva Granados, declarou en pleno dominio unha vivenda en L'Hospitalet de Llobregat (Barcelona), así como 50% doutra en Pallejà (Barcelona). Tamén ten 236.000 euros en contas correntes e en depósitos de aforro e outros 118.000 euros en fondos de investimento e nun plan de pensión.

Do mesmo modo, Sara Bailac, portavoz do grupo ERC-Bildu, conta cunha vivenda en pleno dominio en Tarrega (Lleida), 25.000 euros en contas correntes e 185 euros nun plan de pensión laboral. Así mesmo, ten pendentes 14.000 euros dun préstamo familiar.

Até o de agora, do todas as declaracións presentadas, o senador que máis diñeiro declarou sen contar os inmobles foi Félix de las Cuevas Cortés (PP), que declarou ter 735.000 euros nunha conta xestionada por BBVA e ATL Capital, 18.000 euros nun fondo de investimento e outros 10.000 euros nunha conta de aforro. Así mesmo, ten accións por un valor de 302.000 euros, un plan de pensión con 204.000 euros e plan de xubilación de 38.000 euros. É dicir, supera os 1,3 millóns de euros en contas e investimentos. Non declara inmóbeis e o único vehículo é unha Yamaha Xmax

Comentarios