O liderado de Feixoo, cada día máis cuestionado dentro do PP

O comité de dirección do Partido Popular decorrido esta segunda feira evidenciou as diferenzas sobre a continuidade de Núñez Feixoo. A posición do líder dos populares a nivel estatal non deixa de debilitarse desde a noite electoral do 23 de xullo.
Alberto Níñez Feixoo (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, presidente do PP, reunido coa dirección do partido. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Partido Popular reuniu esta segunda feira o seu comité de dirección. O obxectivo do encontro era avaliar a posición da formación de cara ao proceso de investidura, precisamente nun momento en que esta é cuestionada por diversos dirixentes populares. A este respecto, resultan clarificadoras as palabras de Isabel Díaz Ayuso, quen cualificou Feixoo de bisoño, palabra española sinónima de novato, principiante ou inexperto. 

A táctica política de Alberto Núñez Feixoo desde a noite electoral do 23 de xullo está dirixida a garantir a súa supervivencia política e conseguir apoios dentro do partido para manterse á fronte do mesmo após a probábel investidura de Pedro Sánchez. Neste sentido, explícase o seu interese por conseguir o apoio do rei para formalizar a súa candidatura á Presidencia do Goberno do Estado e o anuncio de apertura de conversas co resto das forzas parlamentarias e cos presidentes dos Executivos autonómicos.

O camiño andado polo presidente dos populares nestas últimas semanas debilitou a súa posición. A incapacidade de Feixoo para acordar máis alá do espazo de Vox e de dúas forzas menores da dereita así como a imposibilidade para dialogar con aqueles presidentes autonómicos que non fan parte do PP evidencian o errado da súa táctica e certifican a soidade do seu partido no Estado.

A este respecto, a proposta formulada a Sánchez dunha lexislatura de dous anos é a evidencia máis clara da súa fraxilidade. O liderado de Núñez Feixoo é cada día máis cuestionado entre os dirixentes do seu partido. Neste sentido, as posicións máis belixerantes coa súa liña deféndenas a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso; o presidente do PP catalán, Alejandro Fernández, e o xefe do Goberno valenciano, Carlos Mazón

Porén, outros lideres territoriais como a estremeña, María Guardiola, ou o aragonés, Jorge Azcón, apostan, tamén, por unha mudanza rápida na Presidencia da formación. Só o castelán Alfonso Fernández Mañueco, o andaluz Juanma Moreno e o galego Alfonso Rueda continúan firmes ao carón de Núñez Feixoo. 

O seu círculo máis próximo na dirección do PP, formado por responsábeis orgánicos e institucionais que o acompañaron nos seus anos á fronte da Xunta, está no foco das críticas dos dirixentes do partido. Neste grupo, as persoa máis cuestionada son a ex secretaria xeral de Medios da Xunta, Mar Sánchez Sierra, e o antigo responsábel de Comunicación dos populares galegos, Luis de la Matta, a quen culpan dos erros da política comunicativa.

A inestabilidade que vive o Partido Popular e traslada Feixoo preocupa a Alfonso Rueda. Se a derrota dos populares en xullo levou o presidente da Xunta da Galiza a adiar a convocatoria electoral das galegas, agora o mandatario galego teme un proceso de relevo na dirección estatal da formación, que provocaría unha situación de división e conflito no partido ás portas dunha nova cita coas urnas.

Comentarios