Feixoo pide a Sánchez que lle permita gobernar dous anos

O encontro entre os líderes de PP e PSOE no Congreso durou menos de unha hora.
Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo á súa chegada ao Congreso esta cuarta feira, 30 de agosto. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
photo_camera Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo á súa chegada ao Congreso esta cuarta feira, 30 de agosto. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).

O presidente do Goberno en funcións e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, abandonou o Congreso sobre as 11 horas desta cuarta feira após reunirse durante pouco menos dunha hora co líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, quen lle pediu un encontro para falar do debate de investidura do 26 e 27 de setembro.

Durante a xuntanza, o presidente do PP ofreceu a Pedro Sánchez un acordo polo que a lexislatura duraría un máximo de dous anos e expúxolle que "en aras da centralidade" a lista máis votada poida gobernar, como foi costume durante os últimos 45 anos. O 'popular' entregoulle ao presidente en funcións un texto de oito páxinas nas que desenvolve esta proposta.

Seis pactos de estado

"Desa forma, a influencia que pretenden ter os partidos independentistas quedaría desactivada e España podería garantir a igualdade de trato dos españois", aseguran fontes populares.

Así, Feixoo pediu ao PSOE que facilite a súa investidura para afrontar seis pactos de Estado nunha lexislatura de dous anos. "Ante o risco de repetir eleccións en catro meses, Feixoo ofrece un mandato de 24 meses para acometer as reformas pendentes para o noso país", sinalaron as mesmas fontes.

A influencia que pretenden ter os partidos independentistas quedaría desactivada e España podería garantir a igualdade de trato dos españois

"A lexislatura darase por terminada cando estes seis pactos de Estado se materialicen ou nun prazo máximo de dous anos", di o documento que entregou Feixoo a Sánchez. "Transcorrido este período, procederase á convocatoria de eleccións xerais, salvo que os partidos asinantes deste acordo consideren conveniente a continuidade da lexislatura para fechar estes ou novos acordos", precisa o texto.

Renovación do CXPX

Pola súa parte, Sánchez, propúxolle a Núñez Feixoo, un acordo para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) antes de que finalice o ano, independentemente de quen sexa finalmente presidente do Goberno español.

Sánchez pediulle a Feixoo que PSOE e PP "se comprometan formalmente" a que antes do 31 de decembro se proceda á renovación do CXPX, que leva catro anos e medio en funcións, "sexa quen sexa a persoa elixida como presidente do Goberno polo Congreso dos Deputados", indicaron desde Ferraz.

En outubro do pasado ano, tras a dimisión de Carlos Lesmes como presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial, Pedro Sánchez convocou Feixoo en Moncloa e estiveron tres horas reunidos, mais sen acordos.

Comentarios