A Mesa do Congreso resolverá hoxe a repartición de escanos no hemiciclo

O PP rexeitou a proposta do PSOE, pois pide todo o terzo dereito sen necesidade de compartilo con Vox. Os socialistas resérvanse o lado esquerdo e o centro, nomeadamente as posicións de maior visibilidade, serían para Sumar e as forzas soberanistas.
Vista xeral do hemiciclo do Congreso. (Foto: Europa Press)
photo_camera Vista xeral do hemiciclo do Congreso, o pasado 30 de agosto. (Foto: Europa Press)

A Mesa do Congreso ten intención de aprobar esta terza feira a repartición de escanos no hemiciclo da Cámara, un trámite imprescindíbel para poder convocar as vindeiras sesións plenarias. A última proposta foi rexeitada polo PP, mais non se descarta que PSOE e Sumar fagan valer a súa maioría para impor o novo 'mapa' do Salón de Plenos.

O deseño co que traballan os socialistas reserva á formación liderada polo presidente español en funcións, Pedro Sánchez, o groso do terzo da esquerda, posibelmente con Junts na parte superior, mentres que o PP e Vox compartirían a zona da dereita e a parte central, e sobre todo as filas de maior visibilidade, asignaríase a Sumar e as forzas soberanistas.

Os de Alberto Núñez Feixoo, con todo, xa rexeitaron hai unha semana esa formulación, pois reclaman para eles todo o terzo da dereita alegando ser o primeiro grupo parlamentario da Cámara con 137 deputados e deputadas, e por considerar caducado o mapa da pasada lexislatura, cando só contaban con 88 escanos e tiveron que compartir filas con Vox e Ciudadanos.

Os 'populares' aférranse á repartición do hemiciclo na undécima lexislatura, a que presidiu Patxi López durante uns meses, cando tamén eran o partido maioritario e recibiron a totalidade da bancada dereita. Naquela ocasión era Ciudadanos o que tiña 40 deputados, algo máis que os 33 que agora ten Vox, e foi situado na zona central compartindo espazo con PNV, ERC e outras formacións. Por outra parte, PSOE e Podemos, que tiñan case os mesmos escanos que hoxe o grupo socialista e Sumar, repartíanse o terzo da esquerda.

Cinco a catro

Á vista da falta de acordo, a distribución de escanos no hemiciclo quedou pendente para unha próxima reunión. Todo apunta, pois, a que a Mesa do Congreso aprobará a repartición na súa reunión desta terza grazas á maioría da que dispoñen PSOE e Sumar no órgano de goberno da Cámara, cinco a catro fronte ao PP. Non poderá pronunciarse Vox, dado que na sesión constitutiva quedou fóra da Mesa por falta de votos.

Comentarios