O PP insiste en que non contempla o adianto electoral e a oposición desconfía

O novo voceiro parlamentar ofrece "man tendida" a BNG e PSdeG.
Dúas persoas collendo a papeleta durante as eleccións municipais do 28-M. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Dúas persoas collendo a papeleta durante as eleccións municipais do 28-M. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

A secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, insistiu esta segunda feira en que un posíbel adianto electoral é un tema que "non está riba da mesa en ningún caso". A preguntas da prensa, Prado lembrou que o propio presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, pronunciouse en varias ocasións sobre esta cuestión ao sinalar que a "estabilidade da que goza a Galiza" e o "traballo do día a día" non poden despistar do "ruído" que hai "en Madrid".

Na súa intervención, Prado asegurou que esperan que o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, poida ser investido presidente a finais de mes aínda que sexa "complicado". "En calquera caso, na Galiza gozamos de estabilidade e seguiremos traballando día a día para ofrecer aos galegos solucións aos seus problemas", dixo.

Sobre a posíbel data electoral, a líder do BNG, Ana Pontón, sostivo que o anterior presidente da Xunta, Núñez Feixoo, sempre convocou as eleccións "en función dos seus intereses electorais" e non "do que era mellor para a Galiza". "E iso creo que é o que vai seguir facendo  PP nun futuro", apuntou. Con todo, sostivo que, "poña cando as poña", o BNG  "vai traballar para que haxa un cambio político na Galiza", sostivo Pontón.

"Man tendida" de Pazos

Por outra parte, o novo portavoz do PP na Cámara galega, Alberto Pazos Couñago, dixo esta segunda feira ter a "man tendida" a chegar a acordos coas forzas da oposición e avanzou que "fará todo o posíbel" nesa liña.

O portavoz do PSdeG no Hórreo, Luís Álvarez, asegurou esperar que "prime o respecto institucional" por parte do novo voceiro do PP. Pola súa parte, Pontón sinalou que Couñago representa o PP que "tivo sempre unha actitude menos dialogante".

Comentarios