Que implica a renuncia de Feixoo como presidente do PP galego?

O aínda presidente da Xunta segue sen dar unha data exacta de cando presentará a súa dimisión como presidente do Goberno galego, o que está a reavivar as tensións internas no partido.
Feixoo asina a súa renuncia como presidente do PP galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Feixoo asina a súa renuncia como presidente do PP galego. (Foto: Nós Diario)

O aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asinou nesta cuarta feira a súa renuncia como máximo dirixente do Partido Popular (PP) da Galiza, que se fará efectiva a partir do 1 de abril, mais segue sen aclarar cando será o momento exacto en que faga o propio coa presidencia do Goberno galego.

Feixoo renuncia como presidente do PP galego para non incumprir os estatutos da súa formación política, que impiden compaxinar a presidencia do PP nunha autonomía coa do partido a nivel estatal, unha vez que Feixoo sexa nomeado no congreso da formación política en Sevilla os vindeiros 2 e 3 de abril.

Na súa carta de renuncia, o dirixente popular afirma "manter o orgullo de seguir a ser militante deste partido na terra onde nacín e que me ten dado todo o que teño, e para a que seguirei traballando dende a nova responsabilidade que asumo a nivel estatal”.

Tamén na carta, Feixoo fai referencia ao "desafío enorme" que supuxo suceder ao anterior presidente do PP galego, Manuel Fraga, ao que cualificou de "pai de Constitución que levaba 16 de presidente da Xunta e viña de gañar por quinta vez as eleccións galegas".

A sucesión de Feixoo

 Mentres Feixoo segue a queimar as etapas que o levarán a converterse en presidente estatal do Partido Popular, a súa sucesión tanto na Xunta como na presidencia do PP galego segue sen estar pechada, algo que está a tensionar de xeito interno a formación política.

Os plans non lle están saíndo a Feixoo conforme ao previsto. O seu círculo de confianza esperaba ao comezo deste proceso unha sucesión pactada, sen conflito interno, cun novo presidente da Xunta da Galiza e un máximo responsábel do partido escollido pola xunta directiva galega da formación, sen necesidade de recorrer a un congreso.

Porén, a toma de posición interna dos principais dirixentes e o malestar das bases coa solución Rueda -o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, parte como favorito de Feixoo para relevalo- adiantan un escenario diferente ao trazado polo equipo de Feixoo, con Mar Sánchez, secretaria xeral de Medios da Xunta, á cabeza.

As principais referencias da formación advirten que o recambio non vai ser doado. A este respecto, o presidente do Parlamento da Galiza e persoa "de vellas lealdades baltaristas", Miguel Santalices, sinalou o domingo que é “difícil” substituír Feixoo malia considerar que hai “máis posibilidades de que saia ben que mal” a elección.

Sexa de forma explícita ou implícita todos asumen no PP galego que o proceso de recambio está sendo complicado e recoñecen abertamente as tensións internas dentro da formación.

Comentarios