Baltar sinala Rueda como substituto de Feixoo á fronte da Xunta, pero non se molla de cara ás eleccións de 2024

O presidente do PP de Ourense presumiu da súa presidencia á fronte do PP de Ourense, que "sempre exibe os mellores resultados da Galiza, o Goberno máis importante despois da Xunta", e concluíu que a súa "responsabilidade" é "vehiculizar esa cuestión e no seu momento falala no seo dos órganos correspondentes". 
Manuel Baltar, Elena Candía, Alberto Núñez Feixoo, Miguel Tellado e Alfonso Rueda nun acto do PP. (Foto: Europa Press)
photo_camera Manuel Baltar, Elena Candía, Alberto Núñez Feixoo, Miguel Tellado e Alfonso Rueda nun acto do PP. (Foto: Europa Press)

O presidente do Partido Popular (PP) de Ourense, Manuel Baltar, sinalou o actual vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, como candidato con "moitísima vantaxe" para suceder o aínda presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, á fronte da Xunta.

Porén, Baltar non se mostrou tan categórico á hora de afirmar quen podería encabezar as listas do PP nas eleccións galegas de 2024, e apuntou que ese candidato ou candidata debería ser escollido nun congreso da formación política.

Nunha entrevista a Onda Cero, recollida por Europa Press, o tamén presidente da Deputación de Ourense sinalou que "todo parece indicar que hai unha orde de preeleción nas vicepresidencias. Todos parecemos coincidir en que aquela persoa que leva con Feixoo desde 2009 (en relación a Rueda), parte con moitísima vantaxe".

Asegurou tamén que mantén unha "relación de magnífica sintonía xa desde tempos" co vicepresidente primeiro do Goberno galego.

Eleccións galegas de 2024 

Xa de cara ás eleccións galegas que decorrerán en 2024, Baltar lembrou que a candidatura do PP debe ser encabezada pola persoa que "presida o PP da Galiza", unha cuestión da que "tamén haberá que falar no seu momento".

Mentres non se escolle un novo presidente do PP galego, fixo referencia a "solucións transitorias", en relación á posibilidade de que Miguel Tellado asuma a dirección da formación política de modo interino mentres non se leva a cabo un novo congreso autonómico.

Non quixo responder a se tomaría partido nese congreso para intentar ser escollido como candidato á Xunta, pero si recoñeceu que en 2018, cando Feixoo tivo a primeira oportunidade para marchar a Madrid que finalmente rexeitou, pensou na posibilidade de asumir "outras responsabilidades".

Porén, Baltar presumiu da súa presidencia á fronte do PP de Ourense, que "sempre exibe os mellores resultados da Galiza, o Goberno máis importante despois da Xunta", e concluíu que  a súa "responsabilidade" é "vehiculizar esa cuestión e no seu momento falala no seo dos órganos correspondentes". 

Comentarios