Baltar reclama un congreso para elixir o candidato popular á Xunta

A elección do sucesor de Feixoo divide o PP galego

O relevo de Feixoo á fronte da Xunta da Galiza estase complicando. Mentres o núcleo mais fiel ao aínda mandatario galego defende a elección do seu sucesor na Presidencia sen consultar as bases da formación, outra parte do partido aposta por elixir o vindeiro candidato do PP á Presidencia da Xunta nun congreso. Uns e outros dan por feito que haberá batalla interna para escoller o recambio de Feixoo e decidir o novo liderado do partido.

Feijóo Rueda Baltar
photo_camera José Manuel Barreiro, Alberto Núñez Feixoo, José Manuel Baltar e Alfonso Rueda no congreso do PP de 2013. (Foto: Nos Diario).

Os plans non lle están saíndo a Feixoo conforme ao previsto. O seu círculo de confianza esperaba ao comezo deste proceso unha sucesión pactada, sen conflito interno, cun novo presidente da Xunta da Galiza e un máximo responsábel do partido escollido pola xunta directiva galega da formación, sen necesidade de recorrer a un congreso.

Porén, a toma de posición interna dos principais dirixentes e o malestar das bases coa solución Rueda -o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, parte como favorito de Feixoo para relevalo- adiantan un escenario diferente ao trazado polo equipo de Feixoo, con Mar Sánchez, secretaria xeral de Medios da Xunta, á cabeza.

As principais referencias da formación advirten que o recambio non vai ser doado. A este respecto, o presidente do Parlamento da Galiza e persoa "de vellas lealdades baltaristas", Miguel Santalices, sinalou o domingo que é “difícil” substituír Feixoo malia considerar que hai “máis posibilidades de que saia ben que mal” a elección.

Sexa de forma explícita ou implícita todos asumen no PP galego que o proceso de recambio está sendo complicado e recoñecen abertamente as tensións internas dentro da formación.

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, o único dirixente do PP na Galiza canda Núñez Feixoo con poder territorial, foi o primeiro en impugnar publicamente o modelo de sucesión deseñado desde o círculo do presidente galego. Así, nunha entrevista concedida a Onda Cero na segunda feira, defendeu unha bicefalia transitoria entre o presidente da Xunta  e o do partido, reclamou que este fóra elixido polos afiliados nun congreso e lembrou que corresponde ao presidente do PP liderar a candidatura da organización nas vindeiras eleccións galegas de 2024.

O barón ourensán afirmou que  o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, figura "con moitísima vantaxe” para relevar a Feixoo. Porén, negouse a apoiar ao actual número dous de Feixoo como cabeza de lista do PP nas eleccións ao Parlamento de 2024. Nesta liña, recordou que a candidatura do PP debe ser encabezada pola persoa que “presida o PP da Galiza”, unha cuestión que “tamén haberá que falar no seu momento”, dixo, fixando ese momento após o conclave estatal dos populares desta fin de semana.

A proposta deslizada por Baltar de instalar o PP da Galiza na interinidade até a realización do congreso conta con importantes apoios orgánicos fóra de Ourense. A mesma, dispón do beneplácito do groso dos sectores críticos do PP de Pontevedra, a parte maioritaria dos populares coruñeses, e grupos de afiliados lucenses próximos a José Manuel Balseiro.

As fontes do PP consultadas por Nós Diario non dan ningún escenario por fechado, porén agardan que Feixoo sexa capaz de contentar todas as sensibilidades para evitar un choque aberto entre as diferentes familias do partido.  

Comentarios