venres 07/05/21

Feixoo leva a Madrid os proxectos europeos que Galiza descoñece

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, reunirase esta sexta feira, 30 de abril, coa ministra de Economía, Nadia Calviño, para expor a candidatura do Executivo galego aos fondos Next Generation sen que previamente se detallasen na Cámara galega. A crise industrial, Ence ou a situación de Ferrolterra tamén estarán sobre a mesa.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na reunión do Consello do Goberno galego (Foto: Arxina)
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na reunión do Consello do Goberno galego (Foto: Arxina)

A candidatura da Xunta da Galiza para optar a fondos europeos de recuperación Next Generation (que contén 354 proxectos dos cales 247 son públicos e 107 de empresas) será tema central na reunión que este 30 de abril manteñen en Madrid o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, e a vicepresidenta económica do Goberno español, Nadia Calviño

Esta candidatura, afirmou esta quinta feira, 29 de abril, o presidente ao remate da reunión semanal do Consello da Xunta, "encaixa" co espírito dos fondos europeos e o plan de recuperación do Goberno de España. 

Así, Feixoo viaxa a Madrid para despachar sobre os proxectos públicos e privados, sen que estes últimos fosen postos en coñecemento do Parlamento galego e os grupos políticos. Se ben os partidos recibiron unha listaxe cos títulos dos proxectos públicos que optan a fondos, esta quinta feira seguían se ter a lista dos pertencentes a empresas e que a Xunta inclúe na súa candidatura. Non foron entregados na Cámara, dixeron, por "confidencialidade" empresarial. 

Precisamente, Feixoo foi preguntado polos medios sobre como se vai manter a confidencialidade desas iniciativas empresariais se han de ser filtradas pola nova sociedade que esta semana se constituíu para a selección previa e impulso dos proxectos, e na que participan Abanca, Reganosa e Sogama, ademais da Xunta.

O presidente esgrimiu que as empresas non terán que "destripar" o seu proxecto a esta sociedade, senón que iso o farán posteriormente ante a entidade bancaria que escollan se queren pedir financiamento.

Porén, a dúbida paira sobre a liberdade de escolla de entidade financeira se previamente o proxecto pasa polo filtro dunha sociedade que ten Abanca como único banco integrante. 

Segundo informou o mandatario, a crise industrial na Galiza ou a continuidade de Ence en Pontevedra serán outras das cuestións que debaterá coa ministra Calviño. Nese sentido, Feixoo aproveitou para expor a necesidade dun "pacto de Estado" para salvar a comarca de Ferrol.

comentarios