Baltar move ficha e insiste nun congreso extraordinario do PP galego para acordar a sucesión de Feixoo

Na xornada da cuarta feira, o presidente do PP da Coruña, Diego Calvo, tamén se mostrou partidario de que se convoque un congreso "pronto" no PP ao asegurar que "sería bo" que os militantes escollesen o novo dirixente.
Alberto Núñez Feixoo, nunha visita a Ourense con José Manuel Baltar (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, nunha visita a Ourense con José Manuel Baltar (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, deu un paso máis na nova etapa do Partido Popular (PP) galego e insistiu en que un congreso extraordinario debe ser unha "solución normal" para acordar a sucesión do aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

"Eu xa me pronunciei mesmo antes do Congreso de Sevilla, un congreso extraordinario debe ser unha solución normal, como se fixo a nivel estatal e, nesa andaina, o PP dará a mellor das respostas, que a ninguén lle caiba a menor dúbida", sinalou ao ser preguntado por este asunto nun acto decorrido na Deputación de Ourense.

Baltar afirmou que, após o congreso de Sevilla, no que a "unanimidade foi total", a formación está agora "en disposición de afrontar a fase segunda", referida á sucesión de Feixoo como presidente dos populares na Galiza.

Neste contexto, incidiu en que, como presidente do PP en Ourense, o que ten que dicir é que "o Partido Popular vai facer ben as cousas e de forma absolutamente modélica".

"Imos dar unha lección de unidade e esa é a lección e a característica que os veciños ven mellor en calquera formación política", engadiu.

Movementos dos baróns 

Na xornada da cuarta feira, o presidente do PP da Coruña, Diego Calvo, tamén se mostrou partidario de que se convoque un congreso "pronto" no PP, ao asegurar que "sería bo" que os militantes escollesen o novo dirixente.

En Lugo, a presidenta do PP, Elena Candía, mostrouse menos aberta a desvelar a súa postura, e só afirmou que "imos acertar".

En canto ao presidente do PP de Pontevedra e vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que "haberá acordo" para acometer a sucesión de Feixoo.

Rueda, principal candidato a suceder o presidente da Xunta, cando menos durante os vindeiros meses, quixo pechar a porta a que poida haber varias candidaturas que compitan para ocupar a vacante de Feixoo.

Comentarios