xoves 01/10/20
Análise

Feixoo degrada Alfonso Rueda

O vicepresidente Alfonso Rueda Valenzuela sería o grande afectado da reformulación gobernamental da Xunta para o novo mandato
Alfonso Rueda, Xunta
Alfonso Rueda, en primeiro termo, ao tomar posesión.

Alfonso Rueda Valenzuela é o gran derrotado da reformulación gobernamental levada adiante con motivo da nova lexislatura. Na liña do adiantado por Nós Diario en diversas informacións publicadas durante o meses de xullo e agosto, Alberto Núñez Feixoo nomeou vicepresidente segundo o responsábel da área económica, Francisco Conde, nun movemento que ten o obxectivo restar poder no Executivo a Rueda, no contexto do proceso de sucesión de Feixoo.

A posición de Rueda non deixou de debilitarse nos últimos anos como consecuencia do seu progresivo distanciamento do presidente e dos seus repetidos fracasos electorais en Pontevedra. As diferenzas entre un e outro veñen de vello, até o punto de que o círculo de confianza do presidente galego propuxo hai catro anos a creación dunha nova vicepresidencia no Goberno galego, desistindo finalmente polos problemas que causou. Ao tempo, os resultados electorais en Pontevedra, onde o PP recolleu nos últimos procesos electorais as súas peores porcentaxes de voto e a formación ficou apartada dos principais centros de poder institucional, convertéronse nunha pesada lousa para o máximo responsábel da formación na circunscrición.

Conde gaña forza

Francisco Conde é o instrumento para restar posibilidades a Rueda na carreira sucesoria. A favor do seu nomeamento como vicepresidente segundo xoga a situación de emerxencia económica que vive o país. Ao tempo, o anterior conselleiro de Economía e de Industria fixo parte do círculo persoal do mandatario galego desde os seus anos madrileños, demostrouse como unha das persoas máis fieis ao longo destes anos e goza do favor do gabinete político e de comunicación do presidente da Xunta. A maiores, o seu ascenso non levantaría suspicacias noutros aspirantes á sucesión de Feixoo, xa que, a priori, o seu perfil inhabilítao para encabezar unha candidatura á presidencia da Xunta.

As fontes do PP consultadas por Nós Diario coinciden en sinalar que vai ser un Executivo breve. Neste sentido, afirman que “os momentos políticos complicados favorecen os cambios” de Goberno e destacan que “a decisión de Feixoo de non continuar unha lexislatura máis vai obrigar a mudanzas no medio do mandato”. “Sen dúbida ningunha o futuro candidato do PP á presidencia da Xunta da Galiza vai saír dun proceso de primarias aberto a toda a militancia, mais esta persoa necesariamente debe facer parte do Goberno”, engaden estas mesmas fontes, convencidas das escasas posibilidades de Rueda para suceder Feixoo.

Feixoo aposta por Francisco Conde para restar poder a Rueda no Goberno

A outra persoa, canda Rueda, que ten manifestado o seu interese en substituír Feixoo fica fóra Goberno. O presidente do PP da Coruña, Diego Calvo, que diante da perspectiva da marcha do presidente galego a Madrid en 2018 realizou diversos movementos para sucedelo -entre eles buscar un acordo co dirixente dos populares ourensáns, Manuel Baltar-, tampouco entrou no Executivo, malia que algunhas fontes apuntan á súa incorporación nunha futura remodelación. Sexa como for, na liña do apuntado por Nós Diario no mes de agosto nin Calvo nin a presidenta do PP lugués, Elena Candia, lograron o posto no Gabinete.

comentarios