Análise

Feixoo cociña o seu Goberno a lume manso: aposta por un Executivo de continuidade sen pistas sobre o sucesor

Quedan pouco máis de dúas semanas para coñecer a composición definitiva do Goberno galego porén todos dan por feito que estará orientado pola continuidade. Mentres a Xunta de Portavoces pon data ao pleno de elección de Núñez Feixoo, a maioría dos conselleiros agardan repetir nas súas responsabilidades.

Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda e Núiñez Feixoo (Foto: Europa Press)

Tempos aqueles cando o Goberno galego era resultado de duras negociacións entre o candidato á presidencia e os poderes reais do partido. Que lonxe aqueles Executivos de Manuel Fraga xurdidos da dura discusión entre este e os seus baróns provinciais, onde cada conselleiro ou conselleira era situado na Xunta atendendo a difíciles equilibrios territoriais e cada un deles respondía aos intereses políticos do seu padriño. Existía así a cota do presidente lugués, Francisco Cacharro, pola que chegaba a San Caetano Manuel Gómez Besteiro ou Xosé Manuel Barreiro, a do señor da Coruña, Romay Becaría sempre disposta a copar a area agraria do Executivo ou a do xefe pontevedrés, Xosé Cuíña.

A dereita galega da época de Fraga non pasaba de ser unha federación de partidos provinciais, onde o autentico poder se forxaba no dominio das circunscricións  mediante o control das deputacións. Así, asistíamos ás pelexas entre os baróns celosos do seu territorio e un presidente da Xunta que non era quen de impor o seu criterio fóra das paredes do edificio de San Caetano, até o punto que debía presentarse como un cuneiro de prestado de Romay Becaría pola Coruña, diante da negativa de Francisco Cacharro a facerlle un oco na lista de Lugo.

Núñez Feixoo é persoa de costumes polo que no seu círculo próximo dan por feito un Executivo de continuidade

O Partido Popular de Feixoo non ten nada haber co de Fraga. A progresiva perda de poder territorial que o desaloxou do Goberno da practica totalidade das cidades e das deputacións, agás en Ourense, converte as estruturas provinciais en meras extensións do aparato galego da formación e a Núñez Feixoo no líder único do partido, onde mesmo o peso de José Manuel Baltar é cada día máis residual. Tanto é así que o último barón do PP na Galiza non é capaz de impor o seu criterio para elaborar unha candidatura ás eleccións galegas, conformar ao seu gusto á lista das municipais na cidade ou tentar influír na conformación do Executivo galego.

As primeiras pistas sobre o novo Goberno veñen a confirmar as informacións adiantadas no seu día por Nós Diario. Malia as informacións achegadas con insistencia desde as direccións provinciais do PP na Coruña e Lugo, os seus respectivos presidentes, Diego Calvo e Elena Candia fican fora do Gabinete, debéndose conformar o primeiro cun posto na Mesa do Parlamento e a segunda cunha viceportavocía do grupo parlamentario do Partido Popular. Así as cousas, un e outro teñen que agardar para dar o salto ao Executivo galego, algo que no caso de Calvo resulta chave para continuar coas súas aspiracións de suceder a Feixoo á fronte da Xunta da Galiza.

Unha das novidades do futuro Goberno galego pode ser a creación dunha nova vicepresidencia

Alberte Núñez Feixoo é persoa de costumes polo que no seu círculo próximo dan por feito un Executivo de continuidade. A favor desta tese xoga que o líder dos populares galegos non vai introducir nunca mudanzas no seu Goberno ao comezo da lexislatura agás en 2012, cando releva ao fronte da Consellaría de Industria a Javier Guerra por Francisco Conde. Neste liña, o propio Feixoo xa afirmou que “non se debe descartar” a continuidade dos actuais conselleiros e conselleiras, destacou a “experiencia” e “programa” do seu Gabinete, puxo en valor o seu traballo e indicou que “a concreción exacta saberémola nos últimos días de agosto e nos primeiros días de setembro”.

Unha das novidades do futuro Goberno galego pode ser a creación dunha nova vicepresidencia.O debate non é novo, até o punto que esta proposta foi formulada polo grupo de confianza de Feixoo vai para catro anos, desistindo finalmente polos problemas que causaba co vicepresidente Alfonso Rueda. A distancia entre Feixoo e Rueda non  deixou de medrar ao longo dos últimos anos, ao tempo que a posición deste último se debilitou polos repetidos fracasos electorais na circunscrición de Pontevedra, onde preside o partido.

Francisco Conde é a persoa chamada a ocupar esa nova vicepresidencia da Xunta. A favor desta formulación xoga o interese por parte do núcleo de confianza de Feixoo de restar peso a Rueda no Goberno e pode ser defendida en base a situación de emerxencia económica que vive Galiza. Ao tempo, o actual conselleiro de Economía e de Industria, Francisco Conde fixo parte do circulo persoal do mandatario galego desde os seus anos madrileños, demostrouse como unha das persoas máis fieis ao longo destes anos e goza de favor do gabinete político e de comunicación do presidente da Xunta. A maiores, o seu ascenso non levantaría suspicacias noutros aspirantes a sucesión de Feixoo, xa que a priori o seu perfil inhabilítao para encabezar unha candidatura á presidencia da Xunta.

O herdeiro

O s dirixentes populares dan por feito que o sucesor de Feixoo xurdirá dun proceso de primarias. Aínda así, entenden que debe saír do Gabinete de Feixoo por iso consideran importante aos cambios que este introduza no Goberno a mediados da lexislatura. Diego Calvo e Alfonso Rueda xa se apuntaron á carreira.

Comentarios