xoves 05/08/21
Parlamento

A Xunta demanda reunirse co Estado "de inmediato"

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que queren tratar os asuntos "urxentes e prioritarios" para o país.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento da Galiza (Arxina).
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento da Galiza (Arxina).

O vicepresidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, compareceu onte a petición propia no Parlamento para dar conta da "Axenda Galicia", aprobada polo Consello da Xunta antes das últimas eleccións estatais, e que o Goberno galego fixo pública onte. Son 25 puntos "moi concretos", "urxentes e prioritarios", que Feixoo "xa debullou nas súas cartas ás ministras" do novo Goberno de coalición.

Rueda, que criticou con dureza o acordo de investidura entre o PSOE e o BNG, destacou como "prioridades principais" o "pago da débeda de 370 millóns de euros polo IVE que o Estado está retendo" e o "traspaso da titularidade da AP-9, que resulta dunha importancia principalísima".

Así mesmo, avanzou que solicitará que se convoque "de inmediato" a Comisión Mixta para abordar co Goberno do Estado esta "Axenda Galicia" e precisou que a Xunta "vai acudir a esta negociación como o territorio leal co Estado que demostrou até a o de agora". "Reclamamos o que Galiza merece. Non pretendemos ser máis que ninguén, pero tampouco menos. Sánchez ten moitas hipotecas adquiridas, pero as concesións que ten que facer a outros non poden afectar para nada a Galiza", aseverou.

Desta maneira, manifestou que a Xunta vai poñer enriba da mesa as transferencias pendentes do Estado coa Galiza. "Transferencias que non esquecemos que foron pedidas polo Goberno galego, as que tamén estaban pedidas desde antes, e as que foron aprobas por este Parlamento", apuntou o vicepresidente.

Nesa "Axenda Galicia" tamén se inclúe a petición dun "novo modelo de financiamento autonómico", unha "estratexia nacional fronte ao reto demográfico" e a chegada do  AVE a Galiza como unha "máxima prioridade" de cara ao Xacobeo 2021.

 Alfonso Rueda acusou o BNG de asinar un pacto que é "fume" e incidiu en que "se negocia entre Gobernos". Ao que o deputado do BNG Luís Bará replicou que a súa reacción "demostra que lles proe moito" ese acordo. "Un deputado do BNG conseguiu máis que 22 doutros partidos", salientou Bará.

O viceportavoz dos socialistas, Luis Álvarez, acusou o PP de empregar a Xunta "como trincheira" para confrontar con Sánchez e "agochar a súa ineficacia e o seu fracaso". E a portavoz de Común da Esquerda Luca Chao criticou que "abonda xa do cinismo de Feixoo e do seu Goberno".

comentarios