Feixoo comparece no Parlamento como xefe da oposición a Pedro Sánchez

O BNG e o PSdeG repróchanlle ir á Cámara "dar un mitin do PP".
Núñez Feixoo compareceu na Cámara ao aceptar o PP a petición urxente solicitada polo BNG e que o PP vetou a semana pasada (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Núñez Feixoo compareceu na Cámara ao aceptar o PP a petición urxente solicitada polo BNG e que o PP vetou a semana pasada (Foto: Parlamento da Galiza).

Alberto Núñez Feixoo recolleu esta terza feira a luva que lle lanzou o BNG en forma de petición de comparecencia urxente no Parlamento —e que o PP vetara a semana pasada— e aceptou subir ao estrado da Cámara para falar da situación de crise que padece a Galiza e afecta sectores produtivos e familias. O BNG fixo a petición ao Núñez Feixoo presidente galego mais quen subiu ao estrado foi o Núñez Feixoo líder do PP español. Así llo reprochou a oposición.

"Isto é o Parlamento da Galiza, non o Senado", díxolle a portavoz do BNG, Ana Pontón, "doe que use a Galiza para facer campaña polo PP". Luís Álvarez, portavoz do PSdeG afeoulle que interviñese no Parlamento "porque necesita un foro de proxección mentres non o meten no Senado".

Núñez Feixoo interveu durante unha hora. Recoñeceu que a situación na Galiza e no Estado era "moi preocupante", "crítica", con efectos prexudiciais sobre a economía e as familias. En chegar até aquí, afirmou, tiña responsabilidade o Goberno español por algunhas medidas adoptadas nestes meses e por, tamén, non adoptar medidas agora. "É unha provocación aos cidadáns que vaian esperar até fin de mes", indicou. 

Pór deberes

Feixoo presentouse cun paquete de medidas para, explicou, que adopte o Goberno español fronte a actual crise. E tivo tempo tamén para falar doutro bloque de propostas en referencia aos refuxiados ucraínos e a súa chegada ao Estado.

Atacou a Pedro Sánchez pola súa xestión dos paros no transporte e foi debullando o decálogo que levaba preparado para que aplique o Goberno español: un plan para garantir os suministros, exención temporal de cotizacións á Seguridade Social, baixada de impostos á enerxía... O presidente galego na súa comparecencia destinou máis tempo a facer recomendacións a Sánchez que en falar das accións que adoptará o Goberno galego baixo o nome "Plan de choque autonómico". Aquí, anunciou, entran medidas como as axudas á industria manufactureira, os bonos enerxía para pemes ou os bonos turismo.

A oposición non quedou convencida. Tanto BNG como PSdeG coincidiron en que o que alí houbo foi "un mitin do PP". Ana Pontón criticou que o presidente, "en plena crise", marchase da Galiza para facer campaña electoral, e lamentou que "en todo este tempo" non tomase "ningunha medida real". Sobre o paquete de medidas que Núñez Feixoo anunciou a semana pasada preguntou "en que DOG aparecen publicadas" e cualificounas como "propaganda".

A portavoz do BNG pediu ao presidente que actuase como tal e puxo sobre a mesa as propostas do BNG ante a suba dos prezos: un prezo máximo da electricidade para o sector primario, bonificación de combustíbel para a frota, rebaixas de peaxes ou subir 100 euros mensuais o complemento autonómico das pensións.

Luís Álvarez (PSdeG), pola súa parte, acusou Feixoo de buscar sempre a quen "botar a culpa", como ao "Goberno central, cando non goberna o PP nel, claro". Reprochoulle, ademais, que presentase un decálogo de medidas para que aplicase o Goberno español " e ningunha para a Xunta".

"Non quere que me vaia, que entra nunha crise de ansiedade"

O presidente da Xunta dixo, nun momento do debate, e dirixíndose á portavoz do BNG que "vostede non quere que me vaia, porque cando marche éntralle unha crise de ansiedade". Feixoo acusou a oposición de estar permanentemente "botándome a culpa" de "todo o que vai mal no mundo".

Na súa quenda de réplica, Ana Pontón lamentou que o presidente "non teña límites" á hora de "descualificar" e dixo que ela non ía "entrar" nesa dinámica. Pola súa parte, Luís Álvarez finalizou a súa intervención instando a Núñez Feixoo a que "retire" a cualificación de "autista" que empregou a principios desta semana para se referir ao Goberno español. "Por favor, retíreas", reiterou. Pedro Puy, de por parte, lamentou que esa "sensibilidade" non se dea, dixo, cando o albo das críticas é o Goberno galego ou o PP.

Comentarios