Feixoo comparece de urxencia no Parlamento galego após a petición do BNG

A intervención subsitúe a sesión de control ao presidente da Xunta desta cuarta feira.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Parlamento. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Parlamento. (Foto: Europa Press)

O aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, comparecerá finalmente de urxencia ante o Parlamento galego, após o Bloque Nacionalista Galego (BNG) exixir a súa presenza no pleno desta semana para explicar cal é a situación ante a crise de prezos e que medidas ten pensado adoptar o Goberno galego.

O voceiro do grupo parlamentario do Partido Popular (PP), Pedro Puy, puxo de manifesto que o cambio na orde do día produciuse polo "deterioro" da situación desde a última xunta de voceiros parlamentares, na que nun primeiro momento o PP descartara a comparecencia de Feixoo ante os deputados galegos.

A intervención do presidente popular na Cámara galega substitúe tanto a comparecencia desta terza feira por parte do conselleiro de Medio Rural, José González, que ía falar deste mesmo tema, e a sesión de control habitual da terza feira ao presidente da Xunta, algo que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, cualificou de "feito histórico".

Pola súa parte, a viceportavoz da segunda forza parlamentaria, Olalla Rodil, sinalou que a situación é o "suficentemente grave" como para que Feixoo interveña no Parlamento galego, e ironizou co feito de que "temos a sorte de que hoxe está aquí (na Galiza)", en referencia á campaña que o presidente levou a cabo no Estado español como candidato á presidencia estatal do PP.

O voceiro do Partido Socialista (PSdeG), Luis Álvarez, explicou que a formación sumábase a petición do BNG para a comparecencia de Feixoo pola "emerxencia" do momento, que xustifica esa presenza no Parlamento galego.

Comentarios