Feixoo recoñece que a Galiza está en "situación límite" mais segue de campaña

O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, presidiu na mañá de onte en Lugo a reunión do Consello da Xunta, tras a cal alertou de que a Galiza estaba nunha "situación límite" pola crise e a folga do transporte. A seguir, Feixoo abandonou a Galiza cara a Asturies e Cantabria, onde pouco despois protagonizaba senllos actos da súa campaña para liderar o PP español.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Rosa Veiga/Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (Foto: Rosa Veiga/Europa Press)

Estamos nunha situación límite en moitos sectores estratéxicos", advertiu Alberto Núñez Feixoo onte, na súa comparecencia após o Consello da Xunta, que decorreu  en Lugo. O presidente sinalou que a Galiza estaba "colapsada desde o punto de vista do transporte" e nunha situación máis que complicada polos prezos de gas, combustíbeis e electricidade, con impactos "en familias e nos nosos sectores produtivos".

Após dar como presidente do Goberno galego este "sinal de alarma", viaxou a Asturies e despois a Cantabria en calidade de candidato do PP á presidencia estatal do partido. Así, participou de dous actos de campaña en Oviedo e Santander.

Na comparecencia após o Consello, como presidente galego, cargou con dureza contra o Executivo español por "non tomar medidas xa" contra a crise. "Non podemos agardar máis", sinalou, e mesmo enumerou a "batería de medidas" que debería aplicar o Goberno estatal, como a exención á Seguridade Social dos traballadores dos sectores máis afectados ou un IVE superreducido para gas e electricidade.

Accións da Xunta

O Consello aprobou unha serie de medidas "no marco das nosas competencias", dixo Feixoo. "Axilizar o bono térmico social" destinado a 66.000 familias e que fornecerá a estas de entre 128 a 370 euros para pagar luz e calefacción, o anticipo aos gandeiros pola Xunta dos pagamentos da Política Agraria Común (220 millóns de euros), ou que o sector pesqueiro fique exento de taxas portuarias dous meses. 

"Ponderado"

Para Núñez Feixoo os efectos que está a ter a folga do transporte —desabastecemento de certos produtos, paro na recollida de leite...— derivan en última instancia de que o Goberno español "non toma medidas" fronte á suba do prezo dos hidrocarburos.

Pediu ao Executivo estatal que se "reúna" cos convocantes do paro no transporte e a estes que "sexan ponderados nas súas accións". Na intervención eludiu responsabilidades da Xunta neste tema afirmando que "as competencias das comunidades nisto son cero".

Sucesión "previsíbel"

Núñez Feixoo tivo que volver responder varias preguntas dos xornalistas a respecto da súa sucesión. Reiterou que en dúas semanas deixará a presidencia do PP galego ao ser incompatíbel con presidir o Partido Popular español, e volveu situar a súa marcha da Xunta "unhas semanas despois" dese paso". É perfectamente compatíbel ser presidente dunha comunidade e do Partido Popular", dixo, para a seguir lembrar que el nom compatibilizará ambos os dous postos. E volveu repetir: o relevo institucional "será previsíbel", o que apunta ao vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, como sucesor.

Comentarios