O Goberno español descarta mobilizar o exército polo paro de transportistas despois de que Alfonso Rueda o suxerise

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, trasladou a preocupación no seo do Goberno español polo impacto do paro dos transportistas.
Caravana de camións que na segunda feira participaron en Vigo no paro de transportistas. (Foto: Javier Vázquez/Europa Press)
photo_camera Caravana de camións que na segunda feira participaron en Vigo no paro de transportistas. (Foto: Javier Vázquez/Europa Press)

A ministra española de Defensa, Margarita Robles, descartou nesta terza feira a mobilización do Exército español para garantir o abastecemento durante o paro de transportistas, despois de que o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, o suxerise a pasada semana.

A ministra, nunha entrevista en RTVE recollida por Europa Press, asegurou que "non se pode contemplar en absoluto" o estabelecemento dun dispositivo militar para manter os principais corredores de transporte de mercadorías esenciais, mentres dure a folga de transportistas e camioneiros convocada por mor da suba do prezo do combustíbel e da enerxía.

Porén, Robles sinalou os participantes do paro, e asegurou estar convencida de que "son conscientes dos prexuízos que están a causar á cidadanía".

A integrante do Executivo estatal subliñou que "é o momento de arrimar o ombreiro, negociar e buscar solucións". As palabras de Robles chegan despois de que o Goberno estatal acordase coas principais organizacións empresariais do sector do transporte unha bonificación para o pagamento dos carburantes de 500 millóns de euros a partir do 1 de abril, a fin de compensar o impacto que a suba do petróleo está a ocasionar no sector do transporte.

Preocupación no seo do Goberno español

No día de hoxe tamén falou o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, quen trasladou a preocupación no seo do Goberno español polo impacto do paro dos transportistas.

Nunha conversa na Cadena Ser, tamén recollida por Europa Press, Planas asegurou que "ou intentamos tender pontes ou a situación vai ser moi complicada", e fixo un chamamento a manter unha "boa disposición construtiva".

En canto á oferta do Executivo estatal para a bonificación do pagamento de carburantes, o titular da carteira de Agricultura, Pesca e Alimentación afirmou que "faltarán concrecións, pero se nos poñemos con iso, poderemos chegar a acordos".

Tamén sobre o desabastecemento, recoñeceu que "houbo falta de produtos nos supermercados, pero de xeito puntual". Planas ligou esta falta de produtos non só ao paro dos transportistas, senón que ao aumento do volume de compras nas dúas últimas semanas.

Comentarios