Críticas a Feixoo por usar o termo "autista" de forma pexorativa

"As persoas con autismo loitan cada día polo respecto á súa dignidade como cidadáns de pleno dereito, e os representantes públicos teñen especial responsabilidade no seu tratamento axeitado", sinala a confederación de Autismo do Estado español.
Alberto Núñez Feixoo (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, esta segunda feira, presentando o proxecto do novo hospital da Coruña na súa condición de presidente da Xunta (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).

A confederación Autismo España reprendeu o presidente da Xunta da Galiza e candidato a liderar o PP, Alberto Núñez Feixoo, por utilizar a palabra "autista" de maneira "pexorativa". En concreto, a confederación refírese ás declaracións que fixo Feixoo esta segunda feira nun acto na Coruña, cando cualificou o Goberno estatal de "autista" ante as protestas na rúa de transportistas e outros sectores afectados pola suba dos carburantes.

Autismo España criticou o uso do termo autista neste contexto. "Desafortunadas palabras de Feixoo, utilizando 'autista' de maneira pexorativa. As persoas con autismo loitan cada día polo respecto á súa dignidade como cidadáns de pleno dereito, e os representantes públicos teñen especial responsabilidade no seu tratamento axeitado", subliñou a confederación nunha mensaxe difundida nas súas redes sociais.

Aliás, Autismo España remítese a un artigo publicado na súa web en maio de 2020 no que explica como usar correctamente o concepto de autismo. Neste texto sinala que o tratamento inadecuado e pexorativo do autismo pode considerarse "unha ofensa" contra a imaxe social das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA).

"Expresións como 'autismo social' ou 'autismo político' imprimen unha imaxe negativa de conceptos que nada teñen que ver co trastorno do espectro do autismo e as persoas que o presentan", explica a confederación.

No caso do autismo, puntualizan, non é froito de condutas conscientes ou elixidas, senón que se trata dun trastorno "de orixe neurobiolóxica coa que unha persoa nace e que a acompaña ao longo da súa vida".

Por iso, consideran que empregar a palabra 'autista' neses contextos torna nunha "falta de sensibilidade" cara ás máis de 450.000 persoas con TEA que residen no conxunto do Estado español —arredor de 27.000 na Galiza—.

Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, instou o presidente da Xunta a rectificar: "É unha falta de respecto ás persoas co trastorno do espectro autista e ás súas familias, indigna dun presidente da Xunta".

Comentarios