Feixoo carga contra a Lei Trans: "Pon en perigo" os logros do feminismo e "trivializa ser muller ou home"

Nunha entrevista concedida a Esquire asegura que a posición máis honesta para falar de dereitos LGTBI ou identidade de xénero é "desde o respecto".

Alberto Núñez Feixoo durante unha intervención no Senado. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo durante unha intervención no Senado. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, criticou que a Lei Trans "pon en perigo" os logros da loita feminista, porque "trivializa o ser muller ou ser home" e porque se facilita que "un menor poida someterse a unha intervención cirúrxica na maioría das veces irreversíbel sen ser asesorado de forma adecuada".

Así respondeu nunha entrevista en Esquire, recollida por Europa Press, na que defendeu que esta lei non atende á causa histórica do feminismo, polo que "as feministas teñen razón". "Ademais, é unha lei imposta por unha minoría contra a maioría", engadiu.

Desde o respecto

Neste sentido, afirmou que a posición máis honesta ante estes asuntos como os dereitos LGBTI ou a identidade de xénero, é "desde o respecto".

"Hai diferentes formas de amar, de convivir, de crear unha familia. Só desde o respecto se entende por igual unha familia numerosa, unha monoparental ou a solteiría por convicción. Pero impoñer as cousas, etiquetar as persoas, menosprezar o que pensan, decidir que está ben e que está mal...", explicou.

A respecto doutras cuestións de tipo social, o líder popular afirmou que o aborto "é unha decisión moi difícil", na que "temos que respectar á xente que a toma, pero tamén hai que axudar a quen decidiu non seguir ese camiño".

O PP "en parada cardíaca" após a dimisión de Casado

Sobre a súa chegada a Madrid, Feixoo recoñeceu que o PP estaba "en parada cardíaca e había que reanimar ao enfermo" tras a dimisión do ex presidente Pablo Casado. Agora, reivindicou "é un corpo san, con expectativas e ilusionado".

Na mesma entrevista asegurou que o compromiso por presidir o partido pesou: "Non cabe dúbida que pesou moito pensar que se o PP ten un problema serio eu non vou asumir a responsabilidade de non facer nada".

Aínda así, defendeu que o PP é un partido fundado hai máis de 40 anos. "O PP foi moitas cousas antes de Feixoo e serao despois de Feixoo".

Dos seus sucesivos mandatos na Galiza, o líder popular resumiu: "Alí levaba 13 anos de presidente e gañara catro eleccións con cada vez mellores resultados". "Agora pasei diso a ser xefe da oposición e pretender que me voten", engadiu.

A "virtude" de Sánchez

Preguntado por unha virtude do actual presidente do Goberno, Pedro Sánchez, Feixoo dixo que sería "ir contra todos os seus compañeiros para lograr os seus propios obxectivos", algo do que el "sería incapaz", asegurou.

Ademais, recoñeceu que grazas a esa "virtude" chegou a ser secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno. "Desde o punto de vista dos resultados, é unha gran virtude. Se o teu obxectivo fundamental na vida é ser presidente do Goberno, a calquera costa... eu recoñezo que esa virtude non a teño", defendeu.

Da presidente da Comunidade Autónoma de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, destacou que é unha persoa que "ten moi claras as cousas e dias con moita desenvoltura e soubo conectar coa inmensa maioría dos cidadáns de Madrid".

Sobre Pablo Casado resaltou que é un gran parlamentario e un gran orador. "Niso é mellor ca min", recoñeceu.

Comentarios