Análise

A xestión de Núñez Feixoo fai augas alén do Padornelo

A xestión de Alberto Núñez Feixoo á fronte do Goberno galego estase a converter nun dos puntos débiles na traxectoria do xefe da oposición no Estado. Neste sentido, os membros do Executivo español, comezando por Pedro Sánchez, non dubidan en reprocharlle as cifras dos seus 13 anos na Xunta. O mito de bo xestor do líder dos populares comeza a facer augas alén do Padornelo.
Alberto Núñez Feixoo, esta semana no Senado español. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, esta semana no Senado español. (Foto: Europa Press)

Alberto Núñez Feixoo é esencialmente unha construción mediática. A mesma articulouse arredor da imaxe transmitida por unha boa parte dos medios galegos, moi particularmente aqueles de titularidade pública, e dos estatais, fundamentalmente aqueles asentados en Madrid. 

Neste operativo, resultou decisiva a achega dunha serie de grupos de comunicación madrileños non aliñados, mecanicamente, coa dereita e o PP, que puxeron en valor a súa acción de goberno como vía para debilitar outros liderados dentro do partido.

A xestión económica de Feixoo foi situada durante anos como exemplar pola case totalidade do espectro mediático. Porén, o líder dos populares incrementou a débeda galega en 7.360 millóns de euros, após coller o país a comezos de 2009 cunha débeda de 3.954 millóns de euros e deixalo en marzo de 2022 con 11.324 millóns de débeda -equivalente a 3.680 euros por habitante-. Asemade, os seus anos á fronte da Xunta coincidiron cunha importante desaparición de postos de traballo nos diversos sectores de actividade.

Os datos de destrución de emprego non deixan en boa situación o anterior presidente galego. Sen ir máis lonxe, a Galiza perdeu desde marzo de 2009 até febreiro de 2022, 23.213 traballadores autónomos, pasando en 13 anos de 231.158 a 207.945. Outro tanto aconteceu   no complexo industrial, destruíndose ao longo do seu mandato 33.555 empregos e caendo nese período o Índice de Produción Industrial (IPI) en 35 puntos. Os datos referidos ao sector agrario non resultaron mellores, fechando desde 2010 até a súa marcha a Madrid en marzo deste ano 15.986 explotacións gandeiras de bovino. 

O gasto sanitario

Os servizos públicos resentíronse durante os anos de Feixoo na Xunta. Así, o investimento en Atención Primaria caeu neses 13 anos en máis de 350 millóns de euros, pasando de 1.437 millóns en 2009 -que coa suba do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) equivalerían hoxe a 1.800 millóns-, a 1.389 millóns de euros en 2021. A este respecto, a última enquisa de gasto sanitario público, elaborada polo Ministerio de Sanidade neste ano, pon Galiza á cola do Estado -tras Madrid- en gasto en Atención Primaria, con só 11,6% do orzamento.

O sistema educativo presenta unha situación análoga. Neste sentido, o investimento en educación caeu 4% entre os cursos 2009/2010 e 2021/2022, fechando durante o período 146 centros educativos públicos e incrementándose os concertos educativos en 140. Asemade, neses 13 anos reduciuse en 19,6 millóns de euros a contía destinada a bolsas educativas para estudantado con menos recursos. Unha parte destes víronse obrigados a abandonar Galiza, tendo emigrado de 2009 a 2019 un total de 73.512 mozas e mozos entre 16 e 29 anos.

Comentarios