O PP veta que Feixoo explique como triplicou o seu patrimonio

O BNG solicitou a comparecencia do ex presidente na Mesa do Parlamento galego.
Alberte Núñez Feixoo nun acto recente do PP español. (Foto: A. Rodríguez / Europa Press)
photo_camera Alberte Núñez Feixoo nun acto recente do PP español. (Foto: A. Rodríguez / Europa Press)

O PP botou man da súa maioría na Mesa do Parlamento galego para evitar que o ex presidente Alberto Núñez Feixoo teña que comparecer na Cámara para explicar como "triplicou o seu patrimonio en dous anos", tal e como demandaba o BNG.

A formación nacionalista cargou contra a postura do Partido Popular —"Hai algo que agochar? Se non hai nada, o lóxico é comparecer e explicar que pasou"— e insistiu na necesidade de que o que foi mandatario galego durante 13 anos compareza na Cámara galega para dar "explicacións".

Na deliberación na Mesa houbo tres votos —PP— en contra de que se pedisen expicacións a Núñez Feixoo en relación a ese incremento do seu patrimonio e dous a favor da exixencia de transparencia—BNG e PSdeG—.

En 2022 Feixoo declarou ter o triplo de patrimonio que en 2020

A orixe da petición do Bloque está en que coincidindo coa súa saída este ano da Galiza cara a Madrid para ser presidente do PP español, Alberto Núñez Feixoo declarou ter 930.972 euros en contas correntes, depósitos, accións e fondos de investimento.

A última vez que presentara unha declaración similar foi dous anos antes (2020) e posuía 319.593 euros, o que é case tres veces menos.

A normativa do Parlamento galego obriga todos os deputados e deputadas a comunicar variacións substanciais no seu patrimonio, paso que Núñez Feixoo non tería feito, segundo as preguntas do BNG.

Comentarios