As leis trans, do aborto e de benestar animal avanzan no Congreso a pesar do intento de bloqueo das dereitas

"Cada vez que hai un avance social o PP votou 'non' e recorreu nos tribunais", reprochou a bancada socialista.
Activistas defensoras da Lei Trans celebran o avance do texto no Congreso, esta quinta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Activistas defensoras da Lei Trans celebran o avance do texto no Congreso, esta quinta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
  1. Lei trans
  2. Lei do aborto
  3. Lei de benestar animal

No pleno do Congreso desta quinta feira PP e Vox sumaron os seus votos para intentar frear a tramitación de tres textos lexislativos chave para unha das forzas do Goberno, Unidas Podemos: a lei trans, a do aborto e a de benestar animal.

As dereitas buscaban que a Cámara Baixa bloquease os documentos e obrigase a devolvelos ao Consello de Ministros; porén, bateron coa práctica totalidade das demais forzas políticas, incluído Ciudadanos —agás na Lei do aborto—.

Lei trans

No caso da coñecida como Lei trans, o pleno rexeitou as emendas á totalidade presentadas por Vox e PP. "Cada vez que hai un avance social votaron 'non' e recorreron nos tribunais", censurou a deputada socialista Raquel Pedraja, nunha mensaxe dirixida á bancada popular.

A formación conservadora, da man de María Jesús Moro, dixo estar "en contra do borrado das mulleres", algo que, afirmou, "comparten mulleres do PSOE". Tamén considerou que a norma "envolve de modernidade actuacións irresponsábeis cara os menores".

A socialista Pedraja asegurou que o seu partido "seguirá firme" nos seus "principios e valores feministas" durante a tramitación desta lei. Pola súa parte, a ministra de Igualdade, Irene Montero, chamou a "maioría feminista" da Cámara a "non ceder un milímetro ante os reaccionarios".

Montero, encargada de defender o texto, acusou o PP de rexeitalo "con todo tipo de bulos" e "alimentando a transfobia". "Están sendo ideoloxicamente devorados pola extrema dereita", apuntou.

Lei do aborto

As dereitas presentaron tamén emendas á totalidade contra a reforma da Lei do aborto. Tamén Ciudadanos, que se escudou na "falta de humanidade" do Goberno español por "criminalizar as familias da xestación subrogada", dixo a deputada Sara Giménez.

Os populares, pola súa parte, expresaron "dúbidas sobre a obxección de conciencia" das e dos profesionais sanitarios á hora de practicaren un aborto. Porén, a ministra Montero respondeu a PP e Vox que "coas súas emendas poñen en risco a vida das mulleres".

Lei de benestar animal

PP, Vox e PNV opuxéranse por completo á aprobación da Lei de benestar animal, mais, de novo, a Cámara botou por terra as súas pretensións ao rexeitar as emendas á totalidade —179 votos en contra, 157 a favor e 9 abstencións de Ciudadanos— e permitir que o texto saíse adiante.

Comentarios