O continuísmo é a chave

Feixoo substitúe o conselleiro de Sanidade e a de Educación, os máis criticados

O presidente da Xunta fai públicos os once nomes que o acompañarán nesta nova lexislatura con só dous cambios respecto da anterior, ao retirar os titulares das áreas máis prexudicadas pola xestión da crise sanitaria.
EuropaPress_3300096_presidente_xunta_alberto_nunez_feijoo_conferencia_presidentes_septiembre
photo_camera O presidente da Xunta nunha imaxe de arquivo. / Europa Press

Alberte Núñez Feixoo nomeou este mediodía a súa nova equipa de conselleiros e conselleiras, marcada polo carácter continuador desta cuarta lexislatura. Os únicos cambios prodúcense nas consellarías máis afectadas pola xestión da Covid-19: educación e Sanidade.

Carme Pomar e Xesús Vázquez Almuíña dinlle adeus as súas consellarías e cédenlle a titularidade das áreas de Educación e Sanidade a Román Rodríguez, titular de Cultura, e a Julio García Comesaña, respectivamente.

A estas novas incorporacións hai que sumarlle a creación da Consellaría de Emprego e Igualdade, baixo a titularidade de María Xesús Lorenzana.

O cadro das consellarías complétano: Alfonso Rueda, que continúa na vicepresidencia, aínda que a comparte con Francisco Conde, titular de Economía; Valeriano Martínez segue en Facenda; Ánxeles Vázquez en Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Ethel Vázquez en Infraestruturas e Mobilidade; Rosa Quinta, conselleira do Mar; Xosé González, no Medio Rural; e Fabiola García, na área de Política Social.

Cómpre destacar que o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, cede Administracións Públicas a Valeriano Martínez, pero toma a responsabilidade de Turismo de cara ao Xacobeo 2021.

Comentarios