O novo conselleiro de Sanidade cesara unha xefa de servizo do Cunqueiro por levar máscara

Julio García Comesaña é deste esta segunda feira novo conselleiro de Sanidade após o cese de Jesús Vázquez Almuíña, un dos cargos máis polémicos polas críticas recibidas durante a xestión da pandemia e, previamente, polos recortes no sector público. O novo responsábel da carteira de Sanidade é un vello coñecido do Sergas. Foi quen destituíu unha xefa de servizo do Hospital Álvaro Cunqueiro após criticar as instrucións de hixiene e uso de recursos para evitar a propagación do coronavirus.

07-12-2020 Toma Posesion Conselleiros-18
photo_camera Julio García Comesaña, na toma de posesión (Imaxe: Arxina).

O 23 de marzo de 2020, cando Galiza estaba a ser duramente afectada pola Covid-19, saía á luz pública a destitución de Eva Maquieira como xefa de sección de Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi). O motivo? Criticar a través das súas redes sociais as instrucións de hixiene e uso de recursos ditadas polo Servizo de Medicina Preventiva.

Un día antes o actual conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que no momento era xerente da área sanitaria de Vigo, reunírase coa cirurxiá para lle comunicar que deixaba de ser xefa de servizo. Maquieira escribira unha entrada nas súas redes sociais na que dicía sentir “moita rabia e impotencia” e advertía da “falta de liderado por parte dos mandos directivos da sanidade galega (aqueles que traballan desde despachos, mais non con pacientes reais”.

A médica puxera de manifesto que fora “criticada e reprendida” polos seus superiores por empregar “máscaras cirúrxicas” desde había unha semana na súa actividade diaria no hospital, sobre todo en cursas e consulta, pois, asegurara, “é fisicamente imposíbel manter a tan pregoada distancia de un metro”.

Maquieira salientara que a tacharan de “irresponsábel” por “ir xerando alarmismo na poboación”. “Reconcómeme a impotencia ver como os meus compañeiros se afanan por inventaren proteccións con bolsas de plástico, teas, gafas de mergullo, separadores de libretas...”

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, cuestionado polos medios de comunicación ao respecto, afirmara “temos que estar todos a unha e se hai un fallo de confianza mutua, hai que responder con dilixencia”.

Previamente, fontes do Sergas afirmaran en declaracións a Europa Press que a xefa de servizo se “negara a acatar” as recomendacións sanitarias” e, ante esta situación, se considerara que se “rompera a confianza” desta persoa cara á dirección da área sanitaria, polo cal, “non pode exercer de interlocutora” da mesma. As mesmas fontes engadiran que a destitución non buscaba limitar a “liberdade de expresión”.

Días antes xerentes das áreas sanitarias remitiran comunicados aos profesionais para lles dar instrucións sobre cando era obrigatorio o uso da máscara. Afirmábase que debían utilizarse as cirúrxicas "durante o contacto con pacientes que presenten sintomatoloxía respiratoria, con diagnóstico de Covid-19 ou non, así como en partos e illamentos por gotas en enfermidades como gripe" e as FFP2 durante o contacto con casos probábeis ou confirmados de Covid-19 a menos de dous metros, sempre que exista dispoñibilidade das mesmas, se non, serán substituídas por máscaras cirúrxicas, así como en illamento de transmisión aérea como tuberculose".

"Non se utilizará ningún tipo de máscara en actividades e lugares que non impliquen un contacto directo con pacientes, que non formen parte das indicacións citadas anteriormente, nin en desprazamentos polo centro e áreas xerais", recollían os comunicados, que causaran malestar entre o persoal sanitario.

Comentarios