xoves 16.07.2020

Castaño, ex alcalde de Catoira: "Ábrese unha expectativa que demandaban a maioría das votantes progresistas"

"Non imos defraudar á xente de Catoira", di a Nós Diario Xoán Castaño, que esta quinta feira dimitiu como alcalde de Catoira antes do pleno no que se ía enfrontar a unha moción de censura por un pacto entre o PSdeG e mais o PP.
Xoán Castaño, ex alcalde de Catoira
Xoán Castaño, ex alcalde de Catoira

"Os únicos obxectivos meus son mirar polas persoas de Catoira, intentar solucionar humildemente desde a capacidade que teña o BNG os seus problemas, e traballar pola miña organización. Diante de todo isto, creo que fixen o que a miña conciencia me dixo. Son un servidor público, decidín apartarme voluntariamente", explicou Xoán Castaño en declaracións a Nós Diario tras dimitir como alcalde e evitar así a celebración dun pleno municipal en Catoira no que un pacto entre PSdeG e PP o levaría a ter enfrontado unha moción de censura. 

"Agora ábrese unha expectativa que creo que é a que demandaban a inmensa maioría das votantes progresistas de Catoira", asegurou Castaño, para defender: "Os políticos temos que estar ao servizo do interés da cidadanía e non respondendo a intereses persoais. Eu así o fixen".

Xoán Castaño conta a Nós Diario que a súa renuncia á alcaldía desta mañá está a ter unha acollida "moi positiva" entre a veciñanza. "Eu non quero ser nin heroe nin nada, o único que quero é trasladar o meu apoio e recoñecemento ao grupo que estivemos aí gobernando nunha situación difícil. Creo que o fixemos moi ben, dentro das humildes posibilidades, co esforzo tanto de María Paz como de Gonzalo López", salientou. 

Ao tempo, tres edís do PSdeG que se desmarcaran da moción de censura que non chegou a ter lugar, manifestaron nun escrito estar dispostas a chegar a un acordo co BNG para estabelecer en Catoira "un Goberno estábel e de esquerdas" para o que resta de mandato. 

As socialistas Daniel Touriño, Roberto Bouzón e Purificación Quintás afirman que agora se abre "un escenario de oportunidade" que permite "voltar á posición de saída coa aprendizaxe do vivido este ano". 

Castaño, que preferiu non opinar sobre o comunicado feito público polas tres edís socialistas para "non interferir", comparte a postura de que é o momento de sentar a falar entre as forzas progresistas que obtiveron representación nas pasadas eleccións municipais. 

"Nós xa fixemos o noso esforzo e agora temos que, con estas tres compañeiras de corporación aínda que non de organización política, ser capaces de dar resposta ao que demanda a xente de Catoira. Eu creo sinceramente que seremos capaces de chegar a acordos", abundou o xa ex alcalde. 

"Non quero ser protagonista"

Pola súa parte, as concelleiras socialistas apuntaron que após esta situación teñen o "convencemento" de que se pode impulsar "un bo Goberno para Catoira, que evite pór os enfrontamentos persoais por enriba das ideas políticas e que pense en mirar cara adiante e non cara atrás".

"Non imos defraudar á xente de Catoira que pide isto", recalcou Castaño en conversa con Nós Diario. Da mesma maneira que afirmou non pensar en recuperar a alcaldía: "A miña dimisión é xa para non pilotar nada. Vou estar aí para o que me pidan desde a miña organización política e a cidadanía de Catoira". 

"Se queren que partipe, participo, e senón creo que hai persoas moi capacitadas para levar estas negociacións. Non quero ser protagonista, estarei ao servizo do BNG e dos intereses do pobo de Catoira, nin máis nin menos", engadiu.  

comentarios