Denuncian que o candidato do PP á Alcaldía de Ponte Caldelas foi favorecido nunha oposición: "É unha cacicada inmensa"

A cinco días de que a Lei de Interinos de 2021 entrase en vigor, o Goberno local da Lama convocou unha oposición para a que se constituíu  un tribunal con maioría de representantes de concellos gobernados polo PP.
Antón Xil, candidato á Alcaldía de Ponte Caldelas polo PP (Foto: PP de Pontevedra).
photo_camera Antón Xil, candidato á Alcaldía de Ponte Caldelas polo PP (Foto: PP de Pontevedra).

O sindicato CXT denuncia irregularidades na oposición para cubrir a praza de auxiliar bibliotecario na Lama para favorecer o candidato do PP en Ponte Caldelas, Antón Xil, e que é responsábel de prensa e de xestión de redes sociais no Concello da Lama (comarca de Pontevedra), ademais de ser o director da radio municipal 'Radio Nova'.

O secretario xeral de CXT, Miguel Ángel Cuña, saíu esta segunda feira en defensa de Cristina Villaverde, unha traballadora que ocupa ese posto desde hai 23 anos como persoal laboral e que xa presentou un recurso contra este "atropelo intolerábel". Actualmente está de baixa pola presión á que está a ser sometida nos últimos meses, segundo explicou a afectada.

Denuncia esta traballadora que o alcalde da Lama, Jorge Canda, tamén do PP, quere deixar colocado o seu asesor antes das próximas eleccións municipais.

A cinco días de que a Lei de Interinos de 2021 entrase en vigor, o Goberno local convocou a oposición para esa praza e para iso constituíuse un tribunal con maioría de representantes dos concellos gobernados polo PP: dous funcionarios municipais de Cerdedo-Cotobade e un do de Campo Lameiro, para os que traballa tamén Antón Xil, como responsábel de comunicación.

Xil recibiu a nota máis alta no primeiro exame, cun 7,80, a pesar de non ter titulación específica ou de experiencia profesional algunha relacionada directamente coa praza de auxiliar bibliotecario e informador xuvenil. Villaverde quedou cun 5,6 de nota e o resto de aspirantes suspenderon.

Cristina Villaverde asegura que "foi un exercicio moi viciado", posto que o exame non se atopaba en sobre fechado, as preguntas eran "confusas" e o presidente do tribunal impediu, a pesar da protesta dalgún outro opositor, que se puidesen levar copias dos exames ou extraer algún papel da sala ao terminar a proba.

"Prácticas caciquís"

Villaverde está a estudar coa súa avogada recorrer á xustiza para denunciar estes feitos: "Non estou disposta a tolerar ningún atropelo á miña profesionalidade e dignidade, nin a tolerar prácticas caciquís e discriminatorias co dereito ao traballo". A proba práctica está prevista para o 2 de maio.

Miguel Ángel Cuña, secretario xeral de CXT Pontevedra, cualificou estes feitos como unha "cacicada inmensa" e un "despropósito" que ameaza coa perda dun posto laboral dunha traballadora "sen xustificación", alegando as numerosas irregularidades neste proceso selectivo.

Comentarios