Rueda gábase de renovar "catro de cada dez" candidatos do PP na circunscrición de Pontevedra

"O PP é un partido xeneroso á hora de incorporar xente nova e que continúa confiando en quen sabe facelo ben", afirmou o presidente da formación conservadora na Galiza e da Xunta.
Alfonso Rueda arroupou este domingo os candidatos e candidatas do PP na circunscrición de Pontevedra. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda arroupou este domingo os candidatos e candidatas do PP na circunscrición de Pontevedra. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza e do PPdeG, Alfonso Rueda, participou este domingo na presentación das 61 candidaturas dos 'populares' nos municipios pertencentes á circunscrición de Pontevedra, de cara ás eleccións municipais do próximo 28 de maio. Destacou a renovación de catro de cada 10 candidatos nas súas listas, reivindicando o PP como "un partido xeneroso á hora de incorporar xente nova e que continúa confiando en quen sabe facelo ben".

Rueda considerou que a "imaxe de unidade" que transmitiron este domingo os 61 candidatos e candidatas da circunscrición pontevedresa é o reflexo da "xenerosidade dos que deron un paso á beira pero seguen traballando, dos que xa estiveron e decidiron volver, dos que non puideron gobernar e queren volver tentalo, e dos que asumen o reto por primeira vez".

A todos eles e elas pediulles que non dediquen "nin un minuto" a nada que non sexa "traballar e dicirlle aos seus veciños" o que xa fixeron e o que queren facer: "Tedes que ser os candidatos dos vosos veciños e pór os seus intereses por riba de todo. Hai que gañar, pero sobre todo convencer".

Fronte a esta unidade dun Partido Popular que "ofrece candidaturas en todos os concellos galegos", Alfonso Rueda sinalou que o BNG "segue limitándose a ofrecer nacionalismo como receita para todo" e que o PSdeG están inmerso en "pelexas internas" porque "ninguén quere liderar o partido".

Así, insistiu en que os candidatos do PSOE son "os candidatos de Pedro Sánchez" e que "non hai un PSOE nos concellos e outro en España", senón que todos eles son "o mesmo". "Pedro Sánchez vaise apropiar de calquera bo resultado que teña o seu partido na provincia", manifestou.

Pola súa parte, o presidente do PP de Pontevedra, Luís López, puxo en valor que o seu é "o único partido con concelleiros nos 61 municipios, con máis alcaldes e máis edís e o único que ten deputados provinciais en todos os partidos xudiciais". E na vindeira cita coas urnas, asegurou, "volverémolo facer porque somos o único partido que se presenta en todos os concellos".

Xa pola tarde, Rueda desprazouse até Lugo para asistir á presentación oficial da candidatura 'popular' encabezada por Elena Candia na cidade amurallada. Canda el asistiron outros cargos da formación conservadora como a súa secretaria xeral, Paula Prado.

Comentarios